Aquí
remata a vosa formación na Súper Escola. Foron uns longos e
difíciles meses nos que traballastes duramente para loitar contra
terribles e perigosos viláns. Grazas ao voso esforzo, interese,
motivación e perseveranza fostes capaces de derrotalos un a un,
demostrando a vosa valentía, co
fin de salvar a humanidade. É por iso polo que vos deixamos unha pequena sorpresa, para lembredes sempre esta experiencia e que nunca vos esquezades de que sodes uns grandes superheroes e superheroínas. Parabéns!
Hoxe,
a Súper Escola pecha as súas portas por vacacións pero non
sen antes darvos as grazas por formar parte dela tanto a vós como ás
vosas familias. Foi un pracer ser a vosa guía neste proceso de
formación. Agardamos que
aprendérades moito e que disfrutárades.
Non
deixedes de fabricar luz!
Bo
verán!
Directora
da Súper Escola
PD:
Como
os superheroes e superheroínas nunca deixamos de aprender para estar
preparados ante un posible ataque de calquera vilán, deixámosvos os
seguintes deberes para estas vacacións. Pasádeo moi ben!
Todos os cursos por estas datas faciamos un festival no Teatro Pastor Díaz co fin de despedilos dunha maneira moi especial. Este ano o vilán COVID-19 non nos permitiu festexalo como de costume e como non queriamos quedar sen el, fixémolo de maneira virtual.
Os nenos e nenas de 4º de Educación Primaria da Compañía de Ópera "Estrelas" elexístedes para a ocasión unha das vosas cancións favoritas do grupo que vos acompañou ao longo deste curso: A banda da Loba. Despois de documentarvos, buscar as mellores galas e ensaiar moito, convertéstesvos en A banda de LÓVA para interpretar, facendo honra ao voso nome, "Fábrica de luz".
Parabéns polo voso traballo! Sodes uns verdadeiros artistas!
Para rematar, agradecer ás compoñentes de A banda da Loba pola sorpresa final. Encantounos! Así ouveamos dende Viveiro... Esperamos que vos guste!
Podedes ver o festival completo no blogue de Educación Física ou premendo aquí.
Durante este curso, os nenos e nenas de 3º e 4º de Educación Primaria tivemos unha misión. Galdiño pideunos investigar sobre os CORAIS e saber por que están en perigo.
E a verdade é que o fixemos xenial e aprendemos moitísimas cousas sobre estes animaliños tan curiosos. Ollade esta presentación!
Queremos informarvos da última nova: desapareceu Súper Música. Non sabemos nada dela dende que decidiu enfrontarse aos malvados viláns que desexaban acabar coa humanidade. Tan só nos deixou unha carta.
Axúdasnos a atopala e a vencer definitivamente a todos os viláns para salvar o mundo?
*Para superar a Gran Misión Final debes enviar a mensaxe que vos dá Súper Música.
Seguimos adestrándonos na división para estar preparados ante un posible ataque do malvado e temido vilán Divisi. Imos recordar e identificar os seus termos (dividendo, divisor, cociente e resto) co seguinte vídeo, onde nolo explica a mestra Inés.
Mini-reto 12:Descobre os termos da división nos exemplos que aparecen no vídeo (do A ao L). Despois, envíao por correo electrónico.
Reto 16:Fai a túa hipótese sobre por que están mal os repartos que aparecen no final do vídeo.
Hoxe, día Mundial do Medio Ambiente, ímolo festexar lembrando o rap "Coida o medio ambiente!" que interpretastes o ano pasado no festival de fin de curso. Recórdadelo?
Agora queremos que escollades un fragmento (retrouso, unha estrofa, unha estrofa e retrouso...) e lle poñades a base musical. Para iso, podedes empregar e reutilizar (poñendo en práctica unha das 3R) cousas que teñades na casa, dende un instrumento ata unhas culleres ou un papel. Tan só tedes que deixar voar a vosa imaxinación!
Despois, gravádevos en vídeo ou en audio e enviádeo por correo electrónico.
Cando falamos ou escribimos empregamos oracións, que son un conxunto de palabras ordenadas que teñen sentido e significado. Estas están formadas por diferentes tipos de palabras con distintas xerarquías, que podedes ver a continuación.
Nos derradeiros días, achegouse o vilán Morfo e comezou a roubarnos tres tipos de palabras (verbos, substantivos e adxectivos), o que fai que as nosas mensaxes e escritos perdan o sentido e non se entendan. Recorremos a vós para que nos axudedes a recuperalas a través de "Cazapalabras", seguindo estes pasos: - Debuxar tres columnas nun folio asignándolle a cada unha un tipo de palabra (caza verbos, caza substantivos e caza adxectivos).
- Buscar verbos, substantivos e adxectivos entre as páxinas de xornais, revistas, folletos publicitarios... - Recortalos e pegalos na columna correspondente, coma no seguinte exemplo.
*Para superar o reto debedes incluír como mínimo 3 exemplos en cada columna.
Nesta semana dedicada ao coidado e respecto polo medio ambiente, vamos repasar un dos seus elementos: a flora, ou máis coñecida como as plantas.
Lembras o que son? As plantas son seres vivos que producen o seu propio alimento. Son moi importantes para o coidado do medio ambiente, xa que ademais de xerar osíxeno e servir como alimento, regulan a temperatura, fertilizan o solo, serven como filtro para a contaminación ambiental e delas obtemos materias primas.
Para coñecelas un pouco mellor, mirade estes vídeos.
Reto 13:Colle papel e lapis/boli e responde ás seguintes cuestións: - Como se clasifican as plantas? Cales son as principais características de cada tipo?
- Debuxa unha planta. Despois, indica as súas partes e a función que ten cada unha.
- Debuxa unha folla e sinala as súas partes.
- Explica coas túas palabras o proceso da fotosíntese.
- Reflexiona sobre a importancia da fotosíntese.
*Lede varias veces o voso escrito, fixándovos na ortografía para non atraer ao vilán Ortografff.
Cada vez que nos regalan ou conseguimos chuches, bombóns, froitas, canicas, cromos, pegatinas... intentamos repartilas en partes iguais con todos os membros da Súper Escola, poñendo en práctica a división.
Estes días, o vilán Divisi anda preto e empezamos a ter problemas para repartir de forma equitativa. É o momento de que nos botedes unha man... Prestade moita atención a este vídeo que fixo a mestra Inés.
Mini-reto 11:Identifica que exemplos (do A ao L) dos que aparecen no vídeo son divisións. Despois, indica se son exactas (non sobra nada) ou inexactas (sobra algún elemento).
Reto 12:Debuxa ou saca unha foto aos teus repartos. Un deberá ser exacto e outro inexacto.
*Para superalos e conseguir as insignias, deberás envialos por correo electrónico.
Cada 5 xuño celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente, co obxectivo de sensibilizar á poboación mundial cos temas ambientais.
En todo momento e calquera día do ano, os Superheores e Superheroínas pensamos e actuamos tendo en conta o coidado e respecto cara o medio ambiente, porque é o noso fogar e porque del obtemos todo o necesario para vivir (osíxeno, auga, alimentos, materias primas...).
Para que nos axudedes no seu coidado, propoñémosvos os seguintes 5 eco-retos, un por cada día que falta para o Día Mundial do Medio Ambiente. Anímaste a facelos?
*Para superar o reto 11 debes enviar ao correo electrónico as túas fotos poñendo en práctica os 5 eco-retos (unha foto por cada eco-reto).