xoves, 30 de abril de 2020

REMEDIOS CONTRA O ABURRIMENTO

O vilán "ABURRIMENTI" volveu a aparecer... O seu principal obxectivo é facernos sentir tristes, decaídos e incluso enfadados co mundo, sen saber que facer durante as looooooongaaaaaaaas horas do día, que pasan moiiiiii lentameeeeenteeee.


Dúas compoñentes da Súper Escola xa o venceron e queren compartir con vós como o fixeron.

Ti que fas para vencelo? Se compartes o teu remedio, conseguirás 20 puntos extra.

Curiosidade: Día Internacional do Jazz

O 30 de abril é o Día Internacional do Jazz. Celébrase este día para concienciar sobre a súa importancia como ferramenta educativa e de promoción da paz, o diálogo e a cooperación entre pobos de todo o mundo.

Oiras falar del? Sabes o que é? Mira esta presentación!



MINI-RETO 7: Pon a proba os teus coñecementos de Jazz con este xogo de Boom! Para superar o mini-reto é preciso conseguir o código e envialo por correo electrónico.

mércores, 29 de abril de 2020

MISIÓN 4: "DANZAMUN"

Cada 29 de abril celébrase o Día Internacional da Danza, data que coincide co nacemento do bailarín francés e profesor de ballet Jean Georges Noverre, considerado o creador do ballet moderno.

Dedicándolle este día preténdese conseguir a atención do público sobre a arte e cultura da danza, reunindo a todos aqueles que elexiron esta disciplina como medio de expresión para a súa vida, traspasando as barreiras culturais, políticas ou étnicas.

Este ano non o podemos festexar como se merece debido a que o vilán "Danzamun" fixo desaparecer as danzas tradicionais do mundo. Arrebatounos un medio de expresión e comunicación que nos axudaba a mellorar a relación cos demais, aliviar o estrés, fortalecer o noso corpo e desenvolver a memoria, entre outras cousas.

Chegou o momento de actuar! O mundo necesítavos! Debedes enfrontarvos e derrotar a este malvado vilán! Para conseguilo, tedes que buscar unha danza e enviar por correo electrónico o seu nome, o país de onde é típica e un enlace a un vídeo da mesma (YouTube).

*Lembrade mirar as que aportan os vosos compañeiros e compañeiras! Trátase de rescatar e recuperar o maior número de danzas posible.

Estas son as nosas!

martes, 28 de abril de 2020

Adestramento matemático 3: Medímonos!

Recordades cando medimos o patio cuberto ou cando nos medimos para facer o patrón do noso disfraz?

Estabamos medindo a lonxitude, é dicir, a distancia entre dous puntos.  Para refrescar a memoria, podedes ver este vídeo.


Para nós, os Superheroes e Superheroínas, saber medir é vital xa que nos permite calcular distancias e o alto ou o ancho dos nosos inimigos. Por iso é importante que vos adestredes e para axudarvos a mestra Inés envíavos este vídeo.



MINI-RETO 6: Escribe nos comentarios a resposta ás seguintes preguntas: 
1. Que diferenza (en cm) hai entre o máis alto da túa casa e o máis baixo?
2. Eu (Carmen) mido 171 cm, é dicir, 1,71 metros. Que diferencia (en cm) de altura teño con vós?
3. Ordena de menor a maior as persoas que viven con vós tendo en conta a súa altura. Exprésao en centímetros e non esquezas poñer o símbolo correspondente.



luns, 27 de abril de 2020

EDUFISGALDO!

Temos novo blogue de Educación Física, no que a mestra Rebe vos propón o 1º reto.

Non vos esquezades de visitalo! Preme aquí ou no enlace da columna da dereita, no apartado "Blogues de interese".

LÓVA TAREFA 1: O futuro da Compañía

SORPRESA!
 


venres, 24 de abril de 2020

Reto 6: Obradoiro de instrumentos

Tocar un instrumento axúdanos a desenvolver a memoria, atención e concentración, a estimular a nosa imaxinación e creatividade e permítenos mellorar o noso estado de ánimo, cousas fundamentais para ser un gran Superheroe ou Superheroína.

Por iso vos propoñemos o seguinte reto: CONSTRUÍR UNHA FRAUTA CUNHA PALLIÑA, xa que sabemos que é posible que non teñades ningún instrumento na casa. Tan só tedes que coller unha palliña e unha tesoira e seguir os pasos que vos indica Abraham Cupeiro.


Para superar o reto, debedes enviar ao correo electrónico unha foto do instrumento construído e un audio no que se vos escoite tocándoo.

Avanti!

xoves, 23 de abril de 2020

Curiosidade: Día Internacional do libro

Cada 23 de abril celebramos o Día Internacional do Libro co fin de fomentar a lectura. Elexiuse esta data porque tal día coma hoxe no ano 1616 faleceron tres grandes escritores universais: Miguel de Cervantes, William Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega.

Por que tes que ler?
Ler permítenos viaxar e ter aventuras por todo o mundo sen ter que movernos, desenvolve a nosa imaxinación e creatividade, danos ideas e sobre todo axúdanos a aprender.



MINI-RETO 5: Escolle o teu libro favorito e pensa 3 razóns polas que o elexiche para convencernos de que o temos que ler. Logo, escríbeas ou grávaas nun audio e envíaas por correo electrónico.

Por último, déixovos a mensaxe que vos envía a mestra Ermi.

mércores, 22 de abril de 2020

Curiosidade: Día da Terra

Dende 1970, o 22 de abril celébrase o Día da Terra co fin de concienciar sobre a importancia de coidar e conservar o noso planeta.


Para festexar o seu 50 aniversario, agárdavos unha sorpresa en Bibliogaldo así como tamén unha proposta de actividade moi chula. Anímaste a facela?

Propostas de Relixión

Ola nenos e nenas! Son María Dolores, a profesora de Relixión.

Agardo que todos e todas esteades ben, xunto coa vosa familia.

Agora teríamos que volver a clase despois das vacacións, pero por culpa dun virus invisible temos que seguir quedando na casa para non enfermar, é o momento de disfrutar da familia e facer cousas diferentes.

Propóñovos que unha vez a semana, que sería cando tíñamos clase, virades en internet uns vídeos dos que vos deixo as direccións.

Pensade na mensaxe que nos queren transmitir e despois cando retomemos as clases faremos comentarios delas.

Acórdome moito de vós. Unha forte aperta desde lonxe.

Binta y la gran idea

El hombre que hacía milagros


Grandes Héroes y Leyendas de la Biblia
(Entre outros títulos que se poden elexir)


Madre Teresa


Big hero 6

martes, 21 de abril de 2020

Adestramento auditivo 1: "Cinco minutiños máis"

Saber escoitar é unha das habilidades máis importantes e necesarias para ter unha boa comunicación. Existe un proverbio oriental que di: "Ninguén amosa máis a súa torpeza e mala educación, que o que empeza a falar antes de que concluíse o seu interlocutor".
Ao poñer en práctica esta habilidade estás desenvolvendo a atención, o silencio e a empatía, características fundamentais dun gran Superheroe e Superheroína.

Para practicar, Bibliogaldo proponnos escoitar un videoconto realizado pola mestra Inés coa axuda do seu fillo Antón titulado "Cinco minutiños máis".

Se queres demostrar que sabes escoitar, 
este MINI-RETO ao correo electrónico tes que enviar.

MINI-RETO 4: Fai un vídeo, audio ou texto contestando a estas preguntas:
1. Que foi o que máis che gustou?
2. Cantas actividades saen facendo os raposos?
3. Cales son as palabras que aparecen escritas?
4. Ti tamén lle pides á túa nai ou ao teu pai "cinco minutiños máis"?
5. Cal é a actividade que máis che gusta facer cun maior da túa familia?
6. Se tiveses que elexir cinco palabras que aparecen no videoconto, cales serían? Cítaas e forma unha oración con cada unha delas.

*Recordade que podedes ver este e outros vídeos do colexio na nosa canle de Youtube. Podedes acceder a ela no enlace que aparece na columna da dereita.

luns, 20 de abril de 2020

Adestramento lingüístico 2: Sinónimos e antónimos

Os Superheroes e Superheroínas temos uns "trucos" para expresarnos mellor e enriquecer o noso vocabulario: os SINÓNIMOS e os ANTÓNIMOS. 

Os SINÓNIMOS son palabras diferentes que teñen os mesmo significado. Úsanse para non repetir a mesma palabra varias veces. Por exemplo: colexio-escola, encerro-confinamento.


Os ANTÓNIMOS son palabras diferentes que significan o contrario. Ás veces fórmanse cos prefixos des-, i-, in-, im- e anti-. Por exemplo: lento-rápido, liberdade-catividade, legal-ilegal.

Comeza o teu adestramento en 3,2,1...
http://www.ceipjuanherreraalcausa.es/Recursosdidacticos/ANAYA%20DIGITAL/CUARTO/Lengua/vocabulario_p34_nn/
Sinónimos I
https://www.mundoprimaria.com/quedate-casa/stpv-le-3-03?rnd=0.5804050335478884
Sinónimos II
https://www.mundoprimaria.com/quedate-casa/stpv-le-3-04?rnd=0.9332802515176973
Antónimos I
https://www.mundoprimaria.com/quedate-casa/stpv-le-6-05
Antónimos II
MINI-RETO 3: Escribe en comentarios un exemplo de cada un.

venres, 17 de abril de 2020

Adestramento matemático 2: O reloxo

A puntualidade é unha das principais características dos grandes Superheroes e Superheroínas xa que nos permite chegar aos lugares á hora acordada previamente. Con ela demostras educación, respecto, responsabilidade e interés, aínda que todo depende do país no que esteamos.


Para chegar puntuais ás nosas citas, adoitamos empregar o RELOXO. Recordas como se sabía que hora era?

Se desexas converterte nun gran Superheroe/Superheroína adéstrate moi ben con estes xogos.
https://juegosinfantiles.bosquedefantasias.com/horas-reloj

MINI-RETO 2: Escribe nos comentarios a importancia da puntualidade nun país determinado.

xoves, 16 de abril de 2020

Curiosidade: Día Mundial da voz

Hoxe, 16 de abril, celébrase o Día Mundial da voz co obxectivo de crear conciencia da súa importancia, así como os coidados que se deben ter para evitar problemas relacionados coas cordas vogais.

Sabes como se produce a voz no noso corpo? Mira este vídeo!


Grazas á voz, podemos diferenciarnos das demais persoas, xa que non existen dúas voces iguais. Isto é debido ás cordas vogais, aos resonadores e ao aparello fonador.
Sen embargo, as voces poden clasificarse tendo en conta diferentes aspectos como nos ensinan "Os incribles".

A voz permítenos comunicarnos e expresarnos ao falar e ao cantar. É por iso, polo que debemos coidala tendo en conta os seguintes consellos:
  • Beber auga do tempo con frecuencia.
  • Non berrar.
  • Non carraspexar.
  • Evitar o fume e o po.
  • Durmir o suficiente.
  • No caso de ter algún problema coa voz, acudir a un especialista: otorrinolaringólogo, foniatra e/ou logopeda.

MINI-RETO 1: Escribe nos comentarios o nome dun cantante (que non apareza na presentación) e en que tipo de voz o incluirías.

RETO 5: #Retoportadasdelibros

Dende Bibliogaldo, a biblioteca do colexio, propóñennos o seguinte reto:

RECREAR AS PORTADAS DOS LIBROS QUE MÁIS NOS GUSTEN E SACAR UNHA FOTO.

Vós teredes que ser os protagonistas (animal ou persoa) deses contos buscando a vestimenta máis parecida posible.

Despois, debedes de enviar a foto da portada do libro e a vosa imitación ao correo electrónico.

ANIVERSARIO: ANDRÉS e GABRIELA

Recordades que día é hoxe?

É o 16 de abril de 2020 e iso significa que dous membros da Súper Escola cumpren un ano máis. Agardamos que celebredes coa vosa familia este aniversario tan especial.

Queda pendente o festexo dos 10 anos no cole!

Parabéns Andrés e Gabriela!

Dende a distancia cantámosvos esta canción:



mércores, 15 de abril de 2020

MISIÓN 3: "MULTIPLICATOR I"

Chegou o momento de derrotar ao vilán MULTIPLICATOR I. O seu obxectivo é ralentizar o noso cálculo mental e, como consecuencia disto, danar a nosa memoria e axilidade mental.

Se desexas a este vilán destruír, 
o código deberás conseguir.



Para completar a MISIÓN 3 debes enviar o código por correo electrónico.

martes, 14 de abril de 2020

RETO 4: Os corais

Canto aprendemos este ano sobre os corais!!! 

 
Sabemos que os corais son animais, que non son plantas, aínda que hai moita xente que o pensa. E sabemos que... ESPERADE! Vouvos poñer a proba para comprobar o que recordades de todo o que aprendemos.

A continuación, déixovos unhas preguntiñas. Se olvidastes algúns datos, podédelos buscar outra vez. Na parte dereita do blogue tedes o enlace para poder acceder á Wikipedia.
Se queredes, podedes poñer as vosas respostas nos comentarios!

1. Que tipo de animais son os corais? .
2. Como se chama a parte viva do coral?
3. De que se alimentan os corais?
4. Como cazan as súas presas?
5. Que dous tipos de reprodución poden ter?
6. Os corais son de moitas cores porque dentro dos seus tecidos viven unhas algas microscópicas. Que nome reciben estas algas?
7. En que tipo de augas viven a gran maioría dos corais?
8. Cantas especies coñecidas hai de corais?
9. Os corais forman arrecifes. Por que son tan importantes?
10. Cal é o arrecife máis grande do mundo?
11. De que están formados os arrecifes?
12. Os arrecifes de coral son grandes ecosistemas onde viven moitos animais, podes nomear algún?
13. Os arrecifes están en perigo debido ao cambio climático. Que lles ocorre aos corais se cambia a temperatura da auga do mar?
14. Tamén a ACIDIFICACIÓN dos océanos inflúe para a desaparición dos corais. En que consiste a acidificación?

Primeiro, anotade toda a información nunha folla. Cando xa teñades todos os datos, facedes un texto con todo o que sabedes acompañándoo cun debuxo

Esta actividade pode levarvos varios días. Tomádeo con calma, non teñades présa por rematar. O importante é que o texto que escribades sexa claro para que as persoas que o lean o poidan entender. 
Cando xa o teñades listo podedes envialo ao correo electrónico para poder subilo ao blogue no que o poderán ver os vosos compañeirxs.

*Lembrade facer oracións con sentido, cada idea nunha oración. E non esquezades de poñer os puntos, as maiúsculas e os acentos gráficos.

Contiuamos a formación na Súper Escola

Despois de descansar e desconectar uns días, toca seguir coa formación para convertervos nuns grandes superherores e superheroínas.

Para facelo con forza e con moitas ganas, déixovos un vídeo que fixemos os mestres e o persoal do centro con moito cariño para vós. Se nalgún momento vos sentides tristes ou aburridos, subide o volume e dádelle ao "Play", e non esquezades que sempre RESISTIREMOS!

luns, 6 de abril de 2020

ANIVERSARIO: ANDREA

Hoxe tócalle a outra compañeira e compoñente da Súper Escola cumprir un ano máis. É un aniversario especial porque cumpres nada máis e nada menos que 10 anos (primeiro número de dúas cifras) e só o podes celebrar na casa coa túa familia. Iso fai que sexa unha data da que nunca te esquecerás.

No cole festexámolo á volta!

Parabéns Andrea! 

Dálle ao "play" e a... BAILAR!

 

domingo, 5 de abril de 2020

ANIVERSARIO: ALONSO e HUGO

Hoxe, dous membros da Súper Escola están de aniversario.

Este ano é un pouco diferente xa que non nos podemos ver e tirarvos das orellas... Pero tedes a oportunidade de celebralo coa vosa familia, xa que 10 anos non se cumpren todos os días.

Á volta festexarémolo como de costume.

Parabéns Alonso e Hugo! 

 


venres, 3 de abril de 2020

Adestramento lingüístico 1: Acentuación

Un dos poderes dos Superheroes e Superheroínas é escribir correctamente, co fin de que as súas mensaxes sexan ben interpretadas. Por iso, fíxanse moito na acentuación gráfica das palabras para non cambiar o significado da mensaxe transmitida.


Se non vos acordades das regras de acentuación, déixovos unha pista...


Agora é momento de adestrarte para que as túas mensaxes sexan ben entendidas e para derrotar a posibles viláns. A XOGAR!
https://www.mundoprimaria.com/juegos-educativos/juegos-lenguaje/ejercicios-agudas-llanas-esdrujulas
 https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1294738621/contido/sd01/sd01_oa08/index.html
http://www.edu365.cat/primaria/castella/ortografiate/ortografiate3/contenido/sd01/sd01_oa09/index.html
https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1294738226/contido/sd01/sd01_oa10/index.html
https://www.mundoprimaria.com/juegos-educativos/juegos-lenguaje/juego-tilde


xoves, 2 de abril de 2020

Adestramento musical 2: Ritmo

Para profundizar o teu adestramento no RITMO, déixoche uns vídeos que podes imitar xunto á túa familia. Colle un caldeiro e as túas baquetas (lapis/bolis) e a... TOCAR!



RETO 3: Démoslle un respiro á Terra

Estes días, co estado de alarma, debemos permanecer nos nosos fogares. As rúas están baleiras, moitas empresas deixaron de funcionar e regúlase o acceso aos supermercados, entre outras medidas.
Dentro do noso proxecto de centro, Soñando mares transparentes, levamos reflexionado moito acerca de como protexer o planeta, de como se sentiría entre tanto plástico e tanto fume. Ben, pois agora que as persoas imos permanecer nas casas durante unha tempada... Como cres que se sente agora o noso Planeta?

Escribe un pequeno texto, non de menos de 6 liñas, no que nos contes como afecta á natureza que os humanos permanezcamos nas nosas casas e como cres que se sinte ela.

Primeiro elabora un borrador con lapis e papel, logo revísao atentamente para correxir os erros. Podes acompañar o texto cun debuxo. Unha vez listo, pásao a limpo e envíame unha foto ao correo electrónico.

Sede curiosos, vaivos ler moita xente e teñen que entender a letra ;)

E se che apetece, podes grabar un audio, no que nos leas o teu texto e colgareino coa foto.

mércores, 1 de abril de 2020

RETO 2: Súper Diario

Todos os Superheroes e Superheroínas teñen un diario persoal, é dicir, un libro ou caderno no que escriben día a día as súas vivencias ou pensamentos. Isto axúdalles a organizar os seus feitos e ideas, recordar as súas fazañas, descargar as súas emocións e coñecerse mellor.

Agora tócache a ti! Colle un caderno que teñas pola casa e fai o teu diario. Non te esquezas de incluír cada día o seguinte:
1. Data
2. Descrición do teu día (exposición das actividades feitas ou daquelas que desexes destacar).
3. Reflexión sobre as tarefas realizadas. 
4. Debuxo xeral do día ou da actividade máis importante.

Ánimo Superheroe/Superheroína! 
Captain America - Busy Captain America - Busy