venres, 18 de setembro de 2020

MISIÓN SECRETA


 

 

 

Gotham, 14 de setembro de 2020

 

Queridos Superheroes e Superheroínas do colexio de Galdo:

Son Supermúsica e póñome en contacto con vós para comunicarvos algo moi importante 👌. Tendo en conta o voso gran traballo e esforzo durante a formación na Súper Escola, a vosa valentía e perseveranza na loita contra os malvados viláns e a vosa gran preparación nas distintas disciplinas, fostes os elixidos para levar a cabo a Misión Secreta 🔐.

Tal e como indica o seu nome é secreta e non podemos comentarvos de que se trata. Debédelo descubrir coas pistas que vos vaiamos deixando polo colexio... Así que abride moi ben os ollos 👀 e escoitade 👂 moi atentamente para non perder detalle.

Confiamos en vós! Sabemos que non nos defraudaredes!

Ánimo! 💪

Un saúdo

Directora da Súper Escola


PD: A primeira pista é musical. Que será?

venres, 4 de setembro de 2020

ANIVERSARIO: EMMA F

Hoxe é 4 de setembro, e non é un día calquera pois temos a unha das nosas superheroínas de aniversario.

Parabéns Emma F!

Esperamos que celebres os 10 anos como se merecen. Pronto poderémolos festexar todos xuntos.

Agora é o momento de que lle dés ao "Play" e bailes ao ritmo da nosa canción.


luns, 20 de xullo de 2020

ANIVERSARIO: TATIANA

Hoxe, 20 de xullo, unha das nosas superheroínas cumpre 10 anos. Sabedes de quen se trata?

Da nosa compañeira Tatiana! Parabéns!

Festéxao por todo o alto, pois non se cumpren todos os días e ata setembro non podemos celebralo todos xuntos. Polo momento, dedicámosche a nosa canción...

mércores, 8 de xullo de 2020

ANIVERSARIO: EMMA P

Hoxe unha das superheroínas da Súper Escola cumpre nada máis e nada menos que 10 anos.

Parabéns Emma P!

Celébraos como se merecen e rodeada da túa familia e amigos. Pronto o festexaremos todos xuntos no cole. Mentres tanto cantámosche a nosa canción para estas ocasións.

E agora a pedir un desexo e soprar as candeas!

venres, 3 de xullo de 2020

ANIVERSARIO: SERGIO

Sabedes que festexamos hoxe?

O aniversario de Sergio! Parabéns!

Desexámosche todo o mellor e que o celebres cos teus por todo o alto. A nosa festa de aniversario queda aprazada para setembro. 

Dende a distancia entoámosche a nosa canción favorita para estes momentos.


Sopra ben forte para apagar as 10 candeas e pide un desexo...

mércores, 24 de xuño de 2020

ANIVERSARIO: KENIA

Hoxe a nosa compañeira Kenia cumpre un ano máis. Parabéns!

Celébrao como se merece coa túa familia e amigos. O festexo no cole queda pendente para setembro.

Agora é o momento de bailar ao ritmo de...


Non te esquezas de pedir un desexo ao soprar as candeas. 


venres, 19 de xuño de 2020

Despedida da Súper Escola!




Gotham, 19 xuño de 2020

Queridos superheroes e superheroínas: 
Aquí remata a vosa formación na Súper Escola. Foron uns longos e difíciles meses nos que traballastes duramente para loitar contra terribles e perigosos viláns. Grazas ao voso esforzo, interese, motivación e perseveranza fostes capaces de derrotalos un a un, demostrando a vosa valentía, co fin de salvar a humanidade. É por iso polo que vos deixamos unha pequena sorpresa, para lembredes sempre esta experiencia e que nunca vos esquezades de que sodes uns grandes superheroes e superheroínas. Parabéns! 


Hoxe, a Súper Escola pecha as súas portas por vacacións pero non sen antes darvos as grazas por formar parte dela tanto a vós como ás vosas familias. Foi un pracer ser a vosa guía neste proceso de formación. Agardamos que aprendérades moito e que disfrutárades.

Non deixedes de fabricar luz!

Bo verán!

Directora da Súper Escola 


PD: Como os superheroes e superheroínas nunca deixamos de aprender para estar preparados ante un posible ataque de calquera vilán, deixámosvos os seguintes deberes para estas vacacións. Pasádeo moi ben!

Festival virtual de fin de curso: A banda de LÓVA

Todos os cursos por estas datas faciamos un festival no Teatro Pastor Díaz co fin de despedilos dunha maneira moi especial. Este ano o vilán COVID-19 non nos permitiu festexalo como de costume e como non queriamos quedar sen el, fixémolo de maneira virtual.

Os nenos e nenas de 4º de Educación Primaria da Compañía de Ópera "Estrelas" elexístedes para a ocasión unha das vosas cancións favoritas do grupo que vos acompañou ao longo deste curso: A banda da Loba. Despois de documentarvos, buscar as mellores galas e ensaiar moito, convertéstesvos en A banda de LÓVA para interpretar, facendo honra ao voso nome, "Fábrica de luz".

Parabéns polo voso traballo! Sodes uns verdadeiros artistas!

Para rematar, agradecer ás compoñentes de A banda da Loba pola sorpresa final. Encantounos! Así ouveamos dende Viveiro... Esperamos que vos guste!


Podedes ver o festival completo no blogue de Educación Física ou premendo aquí.

mércores, 17 de xuño de 2020

Galdiño, cumprimos a nosa misión!

Durante este curso, os nenos e nenas de 3º e 4º de Educación Primaria tivemos unha misión. Galdiño pideunos investigar sobre os CORAIS e saber por que están en perigo. 

E a verdade é que o fixemos xenial e aprendemos moitísimas cousas sobre estes animaliños tan curiosos. Ollade esta presentación!

luns, 15 de xuño de 2020

GRAN MISIÓN FINAL

Estimados futuros superheroes e superheroínas:

Queremos informarvos da última nova: desapareceu Súper Música. Non sabemos nada dela dende que decidiu enfrontarse aos malvados viláns que desexaban acabar coa humanidade. Tan só nos deixou unha carta.

Axúdasnos a atopala e a vencer definitivamente a todos os viláns para salvar o mundo?


*Para superar a Gran Misión Final debes enviar a mensaxe que vos dá Súper Música.

venres, 12 de xuño de 2020

martes, 9 de xuño de 2020

Adestramento matemático 6: División II

Seguimos adestrándonos na división para estar preparados ante un posible ataque do malvado e temido vilán Divisi. Imos recordar e identificar os seus termos (dividendo, divisor, cociente e resto) co seguinte vídeo, onde nolo explica a mestra Inés.


Mini-reto 12: Descobre os termos da división nos exemplos que aparecen no vídeo (do A ao L). Despois, envíao por correo electrónico. 

Reto 16:  Fai a túa hipótese sobre por que están mal os repartos que aparecen no final do vídeo.

venres, 5 de xuño de 2020

Reto 15: Coida o medio ambiente!

Hoxe, día Mundial do Medio Ambiente, ímolo festexar lembrando o rap "Coida o medio ambiente!" que interpretastes o ano pasado no festival de fin de curso. Recórdadelo?


Agora queremos que escollades un fragmento (retrouso, unha estrofa, unha estrofa e retrouso...) e lle poñades a base musical. Para iso, podedes empregar e reutilizar (poñendo en práctica unha das 3R) cousas que teñades na casa, dende un instrumento ata unhas culleres ou un papel. Tan só tedes que deixar voar a vosa imaxinación!

Despois, gravádevos en vídeo ou en audio e enviádeo por correo electrónico.

xoves, 4 de xuño de 2020

Reto 14: Cazapalabras

Cando falamos ou escribimos empregamos oracións, que son un conxunto de palabras ordenadas que teñen sentido e significado. Estas están formadas por diferentes tipos de palabras con distintas xerarquías, que podedes ver a continuación. 


Nos derradeiros días, achegouse o vilán Morfo e comezou a roubarnos tres tipos de palabras (verbos, substantivos e adxectivos), o que fai que as nosas mensaxes e escritos perdan o sentido e non se entendan. Recorremos a vós para que nos axudedes a recuperalas a través de "Cazapalabras", seguindo estes pasos:
- Debuxar tres columnas nun folio asignándolle a cada unha un tipo de palabra (caza verbos, caza substantivos e caza adxectivos).

- Buscar verbos, substantivos e adxectivos entre as páxinas de xornais, revistas, folletos publicitarios...
- Recortalos e pegalos na columna correspondente, coma no seguinte exemplo.


*Para superar o reto debedes incluír como mínimo 3 exemplos en cada columna.

mércores, 3 de xuño de 2020

Reto 13: O reino das plantas

Nesta semana dedicada ao coidado e respecto polo medio ambiente, vamos repasar un dos seus elementos: a flora, ou máis coñecida como as plantas.

Lembras o que son? As plantas son seres vivos que producen o seu propio alimento. Son moi importantes para o coidado do medio ambiente, xa que ademais de xerar osíxeno e servir como alimento, regulan a temperatura, fertilizan o solo, serven como filtro para a contaminación ambiental e delas obtemos materias primas. 

Para coñecelas un pouco mellor, mirade estes vídeos.

Reto 13: Colle papel e lapis/boli e responde ás seguintes cuestións:
- Como se clasifican as plantas? Cales son as principais características de cada tipo?
- Debuxa unha planta. Despois, indica as súas partes e a función que ten cada unha.
- Debuxa unha folla e sinala as súas partes.
- Explica coas túas palabras o proceso da fotosíntese. 
- Reflexiona sobre a importancia da fotosíntese.
*Lede varias veces o voso escrito, fixándovos na ortografía para non atraer ao vilán Ortografff.
 

martes, 2 de xuño de 2020

Adestramento matemático 5: División I

Cada vez que nos regalan ou conseguimos chuches, bombóns, froitas, canicas, cromos, pegatinas... intentamos repartilas en partes iguais con todos os membros da Súper Escola, poñendo en práctica a división.

Estes días, o vilán Divisi anda preto e empezamos a ter problemas para repartir de forma equitativa. É o momento de que nos botedes unha man... Prestade moita atención a este vídeo que fixo a mestra Inés.



Mini-reto 11: Identifica que exemplos (do A ao L) dos que aparecen no vídeo son divisións. Despois, indica se son exactas (non sobra nada) ou inexactas (sobra algún elemento).

Reto 12: Debuxa ou saca unha foto aos teus repartos. Un deberá ser exacto e outro inexacto.

*Para superalos e conseguir as insignias, deberás envialos por correo electrónico.

luns, 1 de xuño de 2020

Curiosidade: Día Mundial do Medio Ambiente

Cada 5 xuño celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente, co obxectivo de sensibilizar á poboación mundial cos temas ambientais. 


En todo momento e calquera día do ano, os Superheores e Superheroínas pensamos e actuamos tendo en conta o coidado e respecto cara o medio ambiente, porque é o noso fogar e porque del obtemos todo o necesario para vivir (osíxeno, auga, alimentos, materias primas...).

Para que nos axudedes no seu coidado, propoñémosvos os seguintes 5 eco-retos, un por cada día que falta para o Día Mundial do Medio Ambiente. Anímaste a facelos? 
*Para superar o reto 11 debes enviar ao correo electrónico as túas fotos poñendo en práctica os 5 eco-retos (unha foto por cada eco-reto).

sábado, 30 de maio de 2020

Soñando mares transparentes

Ao longo deste curso, traballamos no proxecto "Soñando mares transparentes". Para rematalo, e con motivo da celebración do día mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) e dos Océanos (8 de xuño), dende Bibliogaldo propóñennos unha actividade final. Queres saber cal é? Preme enriba da imaxe.

https://bibliotecagaldogmailcom.blogspot.com/2020/05/tarefa-final-do-proxecto-sonando-mares.html

xoves, 28 de maio de 2020

MISIÓN 7: "MULTIPLICATOR II"

As nosas sospeitas confirmáronse... O vilán "Multiplicator II" atácanos de novo. Axúdanos a derrotalo conseguindo o código que atoparás ao final do xogo.


*Para superar a misión, envía ao correo electrónico o código e unha foto do papel no que fixeche as contas.

mércores, 27 de maio de 2020

LÓVA TAREFA 5: O noso programa de radio



Adestramento lingüístico 4: Punto

Para que as nosas mensaxes teñan sentido e sexan ben interpretadas polo lector, debemos empregar correctamente os signos de puntuación. Un dos máis importantes é o punto. Sabes cando se utiliza? Consulta a seguinte presentación.



O noso truco para empregar correctamente o punto é dicir "STOP" no seu lugar. Se a oración lida e a seguinte teñen sentido, o punto está ben colocado. Por exemplo:
O pirata Solfamí contactou con nós para pedirnos axuda (STOP). El e os seus compañeiros descubriron onde está o tesouro, pero para chegar a el teñen que atravesar a charca habitada por uns famentos crocodilos (STOP). Só o conseguirán se lle botades unha man para descifrar as indicacións que deixou o pirata Punto en Boca (STOP).


MINI-RETO 10: Axuda aos nosos amigos os piratas a chegar á cova do tesouro descifrando as indicacións do pirata Punto en Boca.
https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1294742851/contido/sd02/sd02_oa01_01/index.html

*Para superar o reto, debes enviar unha foto da proba final completada.

martes, 26 de maio de 2020

Reto 10: Xogando coa ciencia

Experimentar é unha característica fundamental dun Superheroe ou Superheroína. Permítenos descubrir e coñecer verdades e feitos, desenvolver a creatividade, a paciencia e a resiliencia, fomenta a curiosidade, axuda a tomar decisións e, en definitiva, estimula a aprendizaxe.



RETO 10: Fai un experimento sinxelo e envía a foto ou fotos do mesmo por correo electrónico. No blogue de Bibliogaldo, na pestana Xogando coa ciencia, poderás atopar algúns exemplos.

luns, 25 de maio de 2020

LÓVA: Revisión da tarefa 4 "A miña profesión nas ondas"

A semana pasada explicastes en que consistían as vosas profesións e a súa importancia dentro da Compañía. Agora, debedes ler o libro da vosa (premendo enriba do nome da profesión correspondente) e completar a tarefa 4.

*Revisade varias veces o voso escrito, para manter ben lonxe ao vilán Ortografff. Despois, enviádeo por correo electrónico.

venres, 22 de maio de 2020

MISIÓN 6: "SENMUIÑEI"

Chegou o vilán "Senmuiñei" e fixo desaparecer un dos ritmos, xéneros e bailes máis representativos da música galega: a muiñeira. Esta naceu nos muíños (a quen lle debe o seu nome) onde se moía o trigo e o millo. Tocábase e bailábase para pasar o tempo mentres se esperaba a que os devanditos grans estivesen moídos. Dende aquela, converteuse nun medio de expresión corporal que nos permite desenvolver o noso corpo, a coordinación, a creatividade e a socialización, entre outras cousas.

Para derrotar a este vilán, debes demostrarlle que somos capaces de conservar a nosa tradición e patrimonio cultural. Para iso, debes inventar uns pasos cuns zapatos na man (ver vídeo) para acompañar a "Muiñeira de Chantada" (os que ti desexes, non teñen que ser pasos típicos deste baile nin os que saen neste vídeo).


Ten en conta que esta muiñeira ten 3 partes diferentes (ver musicograma) que se repiten, polo que debes inventar 3 pasos distintos (a introdución emprégase para colocarse, non é necesario inventar un paso).



*Para superar a misión, debes gravarte en vídeo e envialo por correo electrónico. Preme aquí para conseguir o audio da "Muiñeira de Chantada.


xoves, 21 de maio de 2020

Adestramento matemático 4: Multiplicación

Chegounos unha información moi importante... O vilán "Multiplicator I" mutou en "Multiplicator II". Tememos un novo ataque e para estar preparados é preciso que vos sigades adestrando nas multiplicacións.

https://www.mundoprimaria.com/juegos-educativos/juegos-matematicas/multiplicacion-llevadas-2

https://www.mundoprimaria.com/juegos-educativos/juegos-matematicas/mult-num-2-cifras

https://www.mundoprimaria.com/juegos-educativos/juegos-matematicas/mult-num-2-cifras-2

mércores, 20 de maio de 2020

RETO 9: A acidificación

Como xa sabedes, a acidificación dos océanos é un dos maiores problemas que ameaza a supervivencia dos corais

Gran parte do dióxido de carbono (CO2) emitido na atmosfera é xerado polas actividades humanas. Este gas é eliminado, en parte polas plantas mediante o proceso da fotosíntese e outra gran parte polos océanos, que o absorben para mitigar o exceso de calor e evitar así unha brusca elevación da temperatura do planeta.



Pero esta absorción ten consecuencias non desexadas, porque diminúe o PH da auga do mar, convertendo as augas en máis ácidas. Canta máis cantidade de CO2 haxa na atmosfera, máis cantidade absorberán as augas do mar. 

Esta acidificación dos océanos afecta ao crecemento e reprodución de organismos mariños, porque a acidez diminúe o carbonato cálcico da auga, que é indispensable para a formación dos esqueletos e cunchas.

A mestra Inés, no blogue Galdonatura, fixo este experimento para comprobar como afecta a acidificación da auga do mar nos organismos mariños.



Reto 9: Proba a facer o experimento na casa e despois reflexiona sobre o que podemos facer nós para mellorar esta situación. Que actividades humanas producen máis CO2? Que accións podemos levar a cabo no noso día a día para evitar tanta contaminación?

martes, 19 de maio de 2020

Adestramento lingüístico 3: Maiúsculas

As maiúsculas serven para distinguir e xerarquizar as palabras e para facilitar a comprensión ao lector, xa que chaman a súa atención avisando de que é unha palabra especial.

Parece que ultimamente as estamos esquecendo, o que fai que as persoas que len os nosos escritos perdan o interese no que lles contamos. É o momento de actuar! Le e aprende as catro regras que vos damos dende a Súper Escola.



MINI-RETO 9: Descifra a mensaxe que vos enviamos escribíndoa correctamente (tendo en conta as catro normas básicas que vos ensinamos) e envíaa por correo electrónico. 
*Antes de enviar o teu escrito, revisáo ben. Non te deixes vencer por "ORTOGRAFFF".

GRAN MISIÓN EXTRA: "ORTOGRAFFF"

A ortografía é a forma correcta de escribir as palabras dunha lingua segundo unhas regras determinadas. Para os Superheroes e Superheroínas é fundamental para que as nosas mensaxes sexan ben interpretadas e non dar lugar a confusións. 




Desgraciadamente, o vilán "ORTOGRAFFF" está dificultando e impedindo a nosa comunicación escrita, facéndovos cometer faltas de ortografía. Cada vez que escribides mal unha palabra, esta sofre e enferma tendo que ser ingresada no "Hospital Ortográfico". Se non actuamos a tempo, estas poderían desaparecer e nunca máis as poderiamos volver a utilizar.

No momento no que cometades unha falta grave de ortografía, a palabra será ingresada na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do hospital correspondente (galego ou castelán). Alí deberedes darlle uns coidados especiais, tratando de non volvela a escribir erroneamente. Se a seguides escribindo mal, permanecerá na UCI e vós perderedes puntos. Pola contra, se conseguimos escribila ben, pasará a planta ou darémoslle a alta.

Polo tanto, está na túa man conservar todas as palabras do noso vocabulario e non perder puntos. Aconsellámosche revisar a miúdo os "Hospitais Ortográficos" (clica enriba) tanto de galego como de castelán, seguir os "truquiños" que vos iremos ensinando e ler e reler os vosos escritos.

Ánimo!

*Como é unha GRAN MISIÓN EXTRA durará toda a vosa formación como Superheroes e Superheroínas. 

sábado, 16 de maio de 2020

LÓVA: Reflexións da tarefa 1

Estas son as vosas reflexións da tarefa 1. Non deixes de velas, son todas moi interesantes!

venres, 15 de maio de 2020

Adestramento musical 3: A música galega

A música é un medio de expresión e comunicación que se empregou ao longo da historia para expresar sentimentos, emocións, estados de ánimo e ideas.

Todas as culturas, países e/ou rexións, dende as primeiras civilizacións ata as máis actuais, crearon e crean música cunhas características propias que a identifican e a diferencia das demais. Grazas á lingua, ao ritmo, á melodía e aos instrumentos empregados poderiamos distinguir unha canción africana dunha chinesa.

Agora é o momento de profundizar na nosa música, na música galega. Para iso, mira esta presentación!


MINI-RETO 8: Demostra que eres un experto en música galega con este xogo! Para superar o mini-reto debes enviar o código por correo electrónico.

xoves, 14 de maio de 2020

MISIÓN 5: "RICARCA"

O vilán "RICARCA" extraviou os libros escritos por Ricardo Carvalho Calero e, como consecuencia disto, esqueceuse a vida e obra deste autor.
Recorremos a vós, porque sabemos que estades moi ben adestrados na festividade das Letras Galegas e no homenaxeado deste ano.
Serás quen de conseguir o código que abre a maleta na que están agochados os devanditos libros?


*Para superar a misión, debes enviar o código por correo electrónico e explicar o seu significado na vida deste autor.

mércores, 13 de maio de 2020

Curiosidade: Día das Letras Galegas

Dende o 17 de maio de 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro, festéxase o Día das Letras Galegas. Conmemórase para exaltar a lingua de Galicia (o galego) a través da súa manifestación literaria.

Cada ano homenaxéase a un autor diferente para recoñecer e valorar o seu traballo pola nosa lingua. Este ano adícase a Ricardo Carvalho Calero.

Sónache o seu nome? Que sabes da súa vida? E da súa obra?

No blogue de Bibliogaldo atoparás moitos recursos para adestrarte moi ben nesta festividade e no seu homenaxeado, o que te preparará para futuras misións. Estes son algúns exemplos:

http://seminariogalan.org/inicio/ver/467





http://seminariogalan.org/inicio/ver/469


martes, 12 de maio de 2020

sábado, 9 de maio de 2020

ANIVERSARIO: SARA P

Como xa sabedes, hoxe unha das futuras superheroínas da Súper Escola cumpre un ano máis.

Parabéns Sara!

Disfruta do teu día e celébrao como se merece! Agardamos que che pasaran os nervios polo teu aniversario...

Queda pendente o noso festexo no cole!

Mentres, adicámosche esta canción! Sube o volume e dálle ao "Play".


venres, 8 de maio de 2020

Reto 8: Con ritmo!

Chegou o momento de poñer en práctica os teus coñecementos rítmicos!
Para iso, busca ou pinta catro folios (un vermello, un amarelo, un verde e un azul) e colócaos nesa orde (de esquerda a dereita) enriba dunha mesa, e diante deles coloca o ordenador, o móbil ou a tablet na que vas ver o vídeo.
A continuación, deberás imitar os patróns rítmicos que se fan no mesmo no tempo que queda libre e seguindo o ritmo da melodía e o código de cores.


Mira este exemplo!


Que o ritmo non pare!

*Para superar o reto, debes gravarte nun vídeo facéndoo e envialo por correo electrónico.

xoves, 7 de maio de 2020

VIDEOCONFERENCIA

Levamos moito tempo sen vernos e imos intentalo mediante unha videochamada. Para que esta sexa un éxito, debedes ler moi ben e seguir estes consellos:
  • Respecta o turno de palabra. Se isto é moi importante en calquera conversa, nunha videochamada moito máis. Se dúas persoas falan a un tempo, o audio non funciona ben e é imposible escoitar algo.
  • Se queres falar, levanta a man. As mestras, que actuaremos como moderadoras, iremos dando a quenda de palabra.
  • Sé puntual. Conéctate uns minutos antes por se tes dificultades. Deste xeito, terás tempo para resolvelas. Se tes algún problema para conectarte, envíame un correo electrónico.
  • Escolle un lugar libre de ruídos e onde non haxa outras persoas (evita música de fondo, ventás abertas...).
  • Ten en conta a iluminación, xa que é importante para que se nos vexa ben, e o fondo (canto menos recargado mellor).
  • Acode á cita aseado e ben vestido. Igual que te arreglas para ir ao cole, terás que facelo para unha videochamada.
  • Ten preto lapis, goma e un papel onde anotar.
QUE IMOS FACER?
Comezaremos falando de un en un de aquilo que nos apeteza compartir cos compañeiros e compañeiras, contando como nos sentimos e aquelas cousas que nos gusta facer durante o confinamento.
Despois, comentaremos o traballo que estamos facendo no blogue, das dificultades que atopamos, do que temos que mellorar, das actividades que vos gustaría que aparecesen...
E por último, intentaremos facer algunha dinámica ou xogo.

Non vos esquezades de ver o videotitorial de acceso para estar preparados chegado o momento.


* Os datos da videoconferencia foron enviados por Abalar.

mércores, 6 de maio de 2020

Reto 7: A vitamina D

Para estar sans e fortes, o noso corpo necesita nutrientes que normalmente adquirimos dos alimentos, grazas ao aparello dixestivo. As proteínas, os hidratos de carbono, as graxas, as vitaminas e os sales minerais son nutrientes que o noso corpo necesita diariamente para funcionar.


Sabes que son as vitaminas? Para que serven? Mira este vídeo!

Hai moitos tipos, pero ultimamente e debido ao confinamento, fálase moito da vitamina D. Por que será? É tan importante?

RETO 7: Busca información e elabora un pequeno texto sobre a importancia desta vitamina, como a podemos conseguir e que lle ocorre ao noso corpo se temos unha deficiencia da mesma.

*Sede curiosos, vaivos ler moita xente e teñen que entender a letra. Sempre podedes acompañar o texto cun debuxo para que quede máis vistoso. Pedide axuda aos vosos pais para que o revisen con vós, fixándovos en non cometer erros ortográficos.
Captain America - Busy Captain America - Busy