Seguimos adestrándonos na división para estar preparados ante un posible ataque do malvado e temido vilán Divisi. Imos recordar e identificar os seus termos (dividendo, divisor, cociente e resto) co seguinte vídeo, onde nolo explica a mestra Inés.
Mini-reto 12:Descobre os termos da división nos exemplos que aparecen no vídeo (do A ao L). Despois, envíao por correo electrónico.
Reto 16:Fai a túa hipótese sobre por que están mal os repartos que aparecen no final do vídeo.
Cada vez que nos regalan ou conseguimos chuches, bombóns, froitas, canicas, cromos, pegatinas... intentamos repartilas en partes iguais con todos os membros da Súper Escola, poñendo en práctica a división.
Estes días, o vilán Divisi anda preto e empezamos a ter problemas para repartir de forma equitativa. É o momento de que nos botedes unha man... Prestade moita atención a este vídeo que fixo a mestra Inés.
Mini-reto 11:Identifica que exemplos (do A ao L) dos que aparecen no vídeo son divisións. Despois, indica se son exactas (non sobra nada) ou inexactas (sobra algún elemento).
Reto 12:Debuxa ou saca unha foto aos teus repartos. Un deberá ser exacto e outro inexacto.
*Para superalos e conseguir as insignias, deberás envialos por correo electrónico.
Para que as nosas mensaxes teñan sentido e sexan ben interpretadas polo lector, debemos empregar correctamente os signos de puntuación. Un dos máis importantes é o punto. Sabes cando se utiliza? Consulta a seguinte presentación.
O noso truco para empregar correctamente o punto é dicir "STOP" no seu lugar. Se a oración lida e a seguinte teñen sentido, o punto está ben colocado. Por exemplo:
O pirata Solfamí contactou con nós para pedirnos axuda (STOP). El e os seus compañeiros descubriron onde está o tesouro, pero para chegar a el teñen que atravesar a charca habitada por uns famentos crocodilos (STOP). Só o conseguirán se lle botades unha man para descifrar as indicacións que deixou o pirata Punto en Boca (STOP).
MINI-RETO 10:Axuda aos nosos amigos os piratas a chegar á cova do tesouro descifrando as indicacións do pirata Punto en Boca.
*Para superar o reto, debes enviar unha foto da proba final completada.
As maiúsculas serven para distinguir e xerarquizar as palabras e para facilitar a comprensión ao lector, xa que chaman a súa atención avisando de que é unha palabra especial.
Parece que ultimamente as estamos esquecendo, o que fai que as persoas que len os nosos escritos perdan o interese no que lles contamos. É o momento de actuar! Le e aprende as catro regras que vos damos dende a Súper Escola.
MINI-RETO 9:Descifra a mensaxe que vos enviamos escribíndoa correctamente (tendo en conta as catro normas básicas que vos ensinamos) e envíaa por correo electrónico. *Antes de enviar o teu escrito, revisáo ben. Non te deixes vencer por "ORTOGRAFFF".
A música é un medio de expresión e comunicación que se empregou ao longo da historia para expresar sentimentos, emocións, estados de ánimo e ideas.
Todas as culturas, países e/ou rexións, dende as primeiras civilizacións ata as máis actuais, crearon e crean música cunhas características propias que a identifican e a diferencia das demais. Grazas á lingua, ao ritmo, á melodía e aos instrumentos empregados poderiamos distinguir unha canción africana dunha chinesa.
Agora é o momento de profundizar na nosa música, na música galega. Para iso, mira esta presentación!
MINI-RETO 8:Demostra que eres un experto en música galega con este xogo! Para superar o mini-reto debes enviar o código por correo electrónico.
O 30 de abril é o Día Internacional do Jazz. Celébrase este día para concienciar sobre a súa importancia como ferramenta educativa e de promoción da paz, o diálogo e a cooperación entre pobos de todo o mundo.
Oiras falar del? Sabes o que é? Mira esta presentación!
MINI-RETO 7:Pon a proba os teus coñecementos de Jazz con este xogo de Boom! Para superar o mini-reto é preciso conseguir o código e envialo por correo electrónico.
Recordades cando medimos o patio cuberto ou cando nos medimos para facer o patrón do noso disfraz?
Estabamos medindo a lonxitude, é dicir, a distancia entre dous puntos. Para refrescar a memoria, podedes ver este vídeo.
Para nós, os Superheroes e Superheroínas, saber medir é vital xa que nos permite calcular distancias e o alto ou o anchodos nosos inimigos. Por iso é importante que vos adestredes e para axudarvos a mestra Inés envíavos este vídeo.
MINI-RETO 6:Escribe nos comentarios a resposta ás seguintes preguntas:
1. Que diferenza (en cm) hai entre o máis alto da túa casa e o máis baixo?
2. Eu (Carmen) mido 171 cm, é dicir, 1,71 metros. Que diferencia (en cm) de altura teño con vós?
3. Ordena de menor a maior as persoas que viven con vós tendo en conta a súa altura. Exprésao en centímetros e non esquezas poñer o símbolo correspondente.
Cada 23 de abril celebramos o Día Internacional do Libro co fin de fomentar a lectura. Elexiuse esta data porque tal día coma hoxe no ano 1616 faleceron tres grandes escritores universais: Miguel de Cervantes, William Shakespearee Inca Garcilaso de la Vega.
Por que tes que ler?
Ler
permítenos viaxar e ter aventuras por todo o mundo sen ter que
movernos, desenvolve a nosa imaxinación e creatividade,
danos ideas e sobre todo axúdanos a aprender.
MINI-RETO 5:Escolle o teu libro favorito e pensa 3 razóns polas que o elexiche para convencernos de que o temos que ler. Logo, escríbeas ou grávaas nun audio e envíaas por correo electrónico.
Por último, déixovos a mensaxe que vos envía a mestra Ermi.
Saber escoitar é unha das habilidades máis importantes e necesarias para ter unha boa comunicación. Existe un proverbio oriental que di: "Ninguén amosa máis a súa torpeza e mala educación, que o que empeza a falar antes de que concluíse o seu interlocutor".
Ao poñer en práctica esta habilidade estás desenvolvendo a atención, o silencio e a empatía, características fundamentais dun gran Superheroe e Superheroína.
Para practicar, Bibliogaldo proponnos escoitar un videoconto realizado pola mestra Inés coa axuda do seu fillo Antón titulado "Cinco minutiños máis".
Se queres demostrar que sabes escoitar,
este MINI-RETO ao correo electrónico tes que enviar.
MINI-RETO 4:Fai un vídeo, audio ou texto contestando a estas preguntas:
1. Que foi o que máis che gustou?
2. Cantas actividades saen facendo os raposos?
3. Cales son as palabras que aparecen escritas?
4. Ti tamén lle pides á túa nai ou ao teu pai "cinco minutiños máis"?
5. Cal é a actividade que máis che gusta facer cun maior da túa familia?
6. Se tiveses que elexir cinco palabras que aparecen no videoconto, cales serían? Cítaas e forma unha oración con cada unha delas.
*Recordade que podedes ver este e outros vídeos do colexio na nosa canle de Youtube. Podedes acceder a ela no enlace que aparece na columna da dereita.
Os Superheroes e Superheroínas temos uns "trucos" para expresarnos mellor e enriquecer o noso vocabulario: os SINÓNIMOS e os ANTÓNIMOS.
OsSINÓNIMOS son palabras diferentes que teñen os mesmo significado. Úsanse para non repetir a mesma palabra varias veces. Por exemplo: colexio-escola, encerro-confinamento.
OsANTÓNIMOS son palabras diferentes que significan o contrario. Ás veces fórmanse cos prefixos des-, i-, in-, im- e anti-. Por exemplo: lento-rápido, liberdade-catividade, legal-ilegal.
Comeza o teu adestramento en 3,2,1...
Sinónimos I
Sinónimos II
Antónimos I
Antónimos II
MINI-RETO 3:Escribe en comentarios un exemplo de cada un.
A puntualidade é unha das principais características dos grandes Superheroes e Superheroínas xa que nos permite chegar aos lugares á hora acordada previamente. Con ela demostras educación, respecto, responsabilidade e interés, aínda que todo depende do país no que esteamos.
Para chegar puntuais ás nosas citas, adoitamos empregar o RELOXO. Recordas como se sabía que hora era?
Se desexas converterte nun gran Superheroe/Superheroína adéstrate moi ben con estes xogos.
MINI-RETO 2:Escribe nos comentarios a importancia da puntualidade nun país determinado.
Hoxe, 16 de abril, celébrase o Día Mundial da voz co obxectivo de crear conciencia da súa importancia, así como os coidados que se deben ter para evitar problemas relacionados coas cordas vogais.
Sabes como se produce a voz no noso corpo? Mira este vídeo!
Grazas á voz, podemos diferenciarnos das demais persoas, xa que non existen dúas voces iguais. Isto é debido ás cordas vogais, aos resonadores e ao aparello fonador.
Sen embargo, as voces poden clasificarse tendo en conta diferentes aspectos como nos ensinan "Os incribles".
A voz permítenos comunicarnos e expresarnos ao falar e ao cantar. É por iso, polo que debemos coidala tendo en conta os seguintes consellos:
Beber auga do tempo con frecuencia.
Non berrar.
Non carraspexar.
Evitar o fume e o po.
Durmir o suficiente.
No caso de ter algún problema coa voz, acudir a un especialista: otorrinolaringólogo, foniatra e/ou logopeda.
MINI-RETO 1:Escribe nos comentarios o nome dun cantante (que non apareza na presentación) e en que tipo de voz o incluirías.