Amosando publicacións coa etiqueta Retos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Retos. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de xuño de 2020

Adestramento matemático 6: División II

Seguimos adestrándonos na división para estar preparados ante un posible ataque do malvado e temido vilán Divisi. Imos recordar e identificar os seus termos (dividendo, divisor, cociente e resto) co seguinte vídeo, onde nolo explica a mestra Inés.


Mini-reto 12: Descobre os termos da división nos exemplos que aparecen no vídeo (do A ao L). Despois, envíao por correo electrónico. 

Reto 16:  Fai a túa hipótese sobre por que están mal os repartos que aparecen no final do vídeo.

venres, 5 de xuño de 2020

Reto 15: Coida o medio ambiente!

Hoxe, día Mundial do Medio Ambiente, ímolo festexar lembrando o rap "Coida o medio ambiente!" que interpretastes o ano pasado no festival de fin de curso. Recórdadelo?


Agora queremos que escollades un fragmento (retrouso, unha estrofa, unha estrofa e retrouso...) e lle poñades a base musical. Para iso, podedes empregar e reutilizar (poñendo en práctica unha das 3R) cousas que teñades na casa, dende un instrumento ata unhas culleres ou un papel. Tan só tedes que deixar voar a vosa imaxinación!

Despois, gravádevos en vídeo ou en audio e enviádeo por correo electrónico.

xoves, 4 de xuño de 2020

Reto 14: Cazapalabras

Cando falamos ou escribimos empregamos oracións, que son un conxunto de palabras ordenadas que teñen sentido e significado. Estas están formadas por diferentes tipos de palabras con distintas xerarquías, que podedes ver a continuación. 


Nos derradeiros días, achegouse o vilán Morfo e comezou a roubarnos tres tipos de palabras (verbos, substantivos e adxectivos), o que fai que as nosas mensaxes e escritos perdan o sentido e non se entendan. Recorremos a vós para que nos axudedes a recuperalas a través de "Cazapalabras", seguindo estes pasos:
- Debuxar tres columnas nun folio asignándolle a cada unha un tipo de palabra (caza verbos, caza substantivos e caza adxectivos).

- Buscar verbos, substantivos e adxectivos entre as páxinas de xornais, revistas, folletos publicitarios...
- Recortalos e pegalos na columna correspondente, coma no seguinte exemplo.


*Para superar o reto debedes incluír como mínimo 3 exemplos en cada columna.

mércores, 3 de xuño de 2020

Reto 13: O reino das plantas

Nesta semana dedicada ao coidado e respecto polo medio ambiente, vamos repasar un dos seus elementos: a flora, ou máis coñecida como as plantas.

Lembras o que son? As plantas son seres vivos que producen o seu propio alimento. Son moi importantes para o coidado do medio ambiente, xa que ademais de xerar osíxeno e servir como alimento, regulan a temperatura, fertilizan o solo, serven como filtro para a contaminación ambiental e delas obtemos materias primas. 

Para coñecelas un pouco mellor, mirade estes vídeos.

Reto 13: Colle papel e lapis/boli e responde ás seguintes cuestións:
- Como se clasifican as plantas? Cales son as principais características de cada tipo?
- Debuxa unha planta. Despois, indica as súas partes e a función que ten cada unha.
- Debuxa unha folla e sinala as súas partes.
- Explica coas túas palabras o proceso da fotosíntese. 
- Reflexiona sobre a importancia da fotosíntese.
*Lede varias veces o voso escrito, fixándovos na ortografía para non atraer ao vilán Ortografff.
 

martes, 2 de xuño de 2020

Adestramento matemático 5: División I

Cada vez que nos regalan ou conseguimos chuches, bombóns, froitas, canicas, cromos, pegatinas... intentamos repartilas en partes iguais con todos os membros da Súper Escola, poñendo en práctica a división.

Estes días, o vilán Divisi anda preto e empezamos a ter problemas para repartir de forma equitativa. É o momento de que nos botedes unha man... Prestade moita atención a este vídeo que fixo a mestra Inés.



Mini-reto 11: Identifica que exemplos (do A ao L) dos que aparecen no vídeo son divisións. Despois, indica se son exactas (non sobra nada) ou inexactas (sobra algún elemento).

Reto 12: Debuxa ou saca unha foto aos teus repartos. Un deberá ser exacto e outro inexacto.

*Para superalos e conseguir as insignias, deberás envialos por correo electrónico.

luns, 1 de xuño de 2020

Curiosidade: Día Mundial do Medio Ambiente

Cada 5 xuño celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente, co obxectivo de sensibilizar á poboación mundial cos temas ambientais. 


En todo momento e calquera día do ano, os Superheores e Superheroínas pensamos e actuamos tendo en conta o coidado e respecto cara o medio ambiente, porque é o noso fogar e porque del obtemos todo o necesario para vivir (osíxeno, auga, alimentos, materias primas...).

Para que nos axudedes no seu coidado, propoñémosvos os seguintes 5 eco-retos, un por cada día que falta para o Día Mundial do Medio Ambiente. Anímaste a facelos? 
*Para superar o reto 11 debes enviar ao correo electrónico as túas fotos poñendo en práctica os 5 eco-retos (unha foto por cada eco-reto).

martes, 26 de maio de 2020

Reto 10: Xogando coa ciencia

Experimentar é unha característica fundamental dun Superheroe ou Superheroína. Permítenos descubrir e coñecer verdades e feitos, desenvolver a creatividade, a paciencia e a resiliencia, fomenta a curiosidade, axuda a tomar decisións e, en definitiva, estimula a aprendizaxe.



RETO 10: Fai un experimento sinxelo e envía a foto ou fotos do mesmo por correo electrónico. No blogue de Bibliogaldo, na pestana Xogando coa ciencia, poderás atopar algúns exemplos.

mércores, 20 de maio de 2020

RETO 9: A acidificación

Como xa sabedes, a acidificación dos océanos é un dos maiores problemas que ameaza a supervivencia dos corais

Gran parte do dióxido de carbono (CO2) emitido na atmosfera é xerado polas actividades humanas. Este gas é eliminado, en parte polas plantas mediante o proceso da fotosíntese e outra gran parte polos océanos, que o absorben para mitigar o exceso de calor e evitar así unha brusca elevación da temperatura do planeta.



Pero esta absorción ten consecuencias non desexadas, porque diminúe o PH da auga do mar, convertendo as augas en máis ácidas. Canta máis cantidade de CO2 haxa na atmosfera, máis cantidade absorberán as augas do mar. 

Esta acidificación dos océanos afecta ao crecemento e reprodución de organismos mariños, porque a acidez diminúe o carbonato cálcico da auga, que é indispensable para a formación dos esqueletos e cunchas.

A mestra Inés, no blogue Galdonatura, fixo este experimento para comprobar como afecta a acidificación da auga do mar nos organismos mariños.



Reto 9: Proba a facer o experimento na casa e despois reflexiona sobre o que podemos facer nós para mellorar esta situación. Que actividades humanas producen máis CO2? Que accións podemos levar a cabo no noso día a día para evitar tanta contaminación?

martes, 12 de maio de 2020

venres, 8 de maio de 2020

Reto 8: Con ritmo!

Chegou o momento de poñer en práctica os teus coñecementos rítmicos!
Para iso, busca ou pinta catro folios (un vermello, un amarelo, un verde e un azul) e colócaos nesa orde (de esquerda a dereita) enriba dunha mesa, e diante deles coloca o ordenador, o móbil ou a tablet na que vas ver o vídeo.
A continuación, deberás imitar os patróns rítmicos que se fan no mesmo no tempo que queda libre e seguindo o ritmo da melodía e o código de cores.


Mira este exemplo!


Que o ritmo non pare!

*Para superar o reto, debes gravarte nun vídeo facéndoo e envialo por correo electrónico.

mércores, 6 de maio de 2020

Reto 7: A vitamina D

Para estar sans e fortes, o noso corpo necesita nutrientes que normalmente adquirimos dos alimentos, grazas ao aparello dixestivo. As proteínas, os hidratos de carbono, as graxas, as vitaminas e os sales minerais son nutrientes que o noso corpo necesita diariamente para funcionar.


Sabes que son as vitaminas? Para que serven? Mira este vídeo!

Hai moitos tipos, pero ultimamente e debido ao confinamento, fálase moito da vitamina D. Por que será? É tan importante?

RETO 7: Busca información e elabora un pequeno texto sobre a importancia desta vitamina, como a podemos conseguir e que lle ocorre ao noso corpo se temos unha deficiencia da mesma.

*Sede curiosos, vaivos ler moita xente e teñen que entender a letra. Sempre podedes acompañar o texto cun debuxo para que quede máis vistoso. Pedide axuda aos vosos pais para que o revisen con vós, fixándovos en non cometer erros ortográficos.

venres, 24 de abril de 2020

Reto 6: Obradoiro de instrumentos

Tocar un instrumento axúdanos a desenvolver a memoria, atención e concentración, a estimular a nosa imaxinación e creatividade e permítenos mellorar o noso estado de ánimo, cousas fundamentais para ser un gran Superheroe ou Superheroína.

Por iso vos propoñemos o seguinte reto: CONSTRUÍR UNHA FRAUTA CUNHA PALLIÑA, xa que sabemos que é posible que non teñades ningún instrumento na casa. Tan só tedes que coller unha palliña e unha tesoira e seguir os pasos que vos indica Abraham Cupeiro.


Para superar o reto, debedes enviar ao correo electrónico unha foto do instrumento construído e un audio no que se vos escoite tocándoo.

Avanti!

xoves, 16 de abril de 2020

RETO 5: #Retoportadasdelibros

Dende Bibliogaldo, a biblioteca do colexio, propóñennos o seguinte reto:

RECREAR AS PORTADAS DOS LIBROS QUE MÁIS NOS GUSTEN E SACAR UNHA FOTO.

Vós teredes que ser os protagonistas (animal ou persoa) deses contos buscando a vestimenta máis parecida posible.

Despois, debedes de enviar a foto da portada do libro e a vosa imitación ao correo electrónico.

martes, 14 de abril de 2020

RETO 4: Os corais

Canto aprendemos este ano sobre os corais!!! 

 
Sabemos que os corais son animais, que non son plantas, aínda que hai moita xente que o pensa. E sabemos que... ESPERADE! Vouvos poñer a proba para comprobar o que recordades de todo o que aprendemos.

A continuación, déixovos unhas preguntiñas. Se olvidastes algúns datos, podédelos buscar outra vez. Na parte dereita do blogue tedes o enlace para poder acceder á Wikipedia.
Se queredes, podedes poñer as vosas respostas nos comentarios!

1. Que tipo de animais son os corais? .
2. Como se chama a parte viva do coral?
3. De que se alimentan os corais?
4. Como cazan as súas presas?
5. Que dous tipos de reprodución poden ter?
6. Os corais son de moitas cores porque dentro dos seus tecidos viven unhas algas microscópicas. Que nome reciben estas algas?
7. En que tipo de augas viven a gran maioría dos corais?
8. Cantas especies coñecidas hai de corais?
9. Os corais forman arrecifes. Por que son tan importantes?
10. Cal é o arrecife máis grande do mundo?
11. De que están formados os arrecifes?
12. Os arrecifes de coral son grandes ecosistemas onde viven moitos animais, podes nomear algún?
13. Os arrecifes están en perigo debido ao cambio climático. Que lles ocorre aos corais se cambia a temperatura da auga do mar?
14. Tamén a ACIDIFICACIÓN dos océanos inflúe para a desaparición dos corais. En que consiste a acidificación?

Primeiro, anotade toda a información nunha folla. Cando xa teñades todos os datos, facedes un texto con todo o que sabedes acompañándoo cun debuxo

Esta actividade pode levarvos varios días. Tomádeo con calma, non teñades présa por rematar. O importante é que o texto que escribades sexa claro para que as persoas que o lean o poidan entender. 
Cando xa o teñades listo podedes envialo ao correo electrónico para poder subilo ao blogue no que o poderán ver os vosos compañeirxs.

*Lembrade facer oracións con sentido, cada idea nunha oración. E non esquezades de poñer os puntos, as maiúsculas e os acentos gráficos.

xoves, 2 de abril de 2020

RETO 3: Démoslle un respiro á Terra

Estes días, co estado de alarma, debemos permanecer nos nosos fogares. As rúas están baleiras, moitas empresas deixaron de funcionar e regúlase o acceso aos supermercados, entre outras medidas.
Dentro do noso proxecto de centro, Soñando mares transparentes, levamos reflexionado moito acerca de como protexer o planeta, de como se sentiría entre tanto plástico e tanto fume. Ben, pois agora que as persoas imos permanecer nas casas durante unha tempada... Como cres que se sente agora o noso Planeta?

Escribe un pequeno texto, non de menos de 6 liñas, no que nos contes como afecta á natureza que os humanos permanezcamos nas nosas casas e como cres que se sinte ela.

Primeiro elabora un borrador con lapis e papel, logo revísao atentamente para correxir os erros. Podes acompañar o texto cun debuxo. Unha vez listo, pásao a limpo e envíame unha foto ao correo electrónico.

Sede curiosos, vaivos ler moita xente e teñen que entender a letra ;)

E se che apetece, podes grabar un audio, no que nos leas o teu texto e colgareino coa foto.

mércores, 1 de abril de 2020

RETO 2: Súper Diario

Todos os Superheroes e Superheroínas teñen un diario persoal, é dicir, un libro ou caderno no que escriben día a día as súas vivencias ou pensamentos. Isto axúdalles a organizar os seus feitos e ideas, recordar as súas fazañas, descargar as súas emocións e coñecerse mellor.

Agora tócache a ti! Colle un caderno que teñas pola casa e fai o teu diario. Non te esquezas de incluír cada día o seguinte:
1. Data
2. Descrición do teu día (exposición das actividades feitas ou daquelas que desexes destacar).
3. Reflexión sobre as tarefas realizadas. 
4. Debuxo xeral do día ou da actividade máis importante.

Ánimo Superheroe/Superheroína! 

luns, 30 de marzo de 2020

RETO 1: R.A.

A Realidade Aumentada (R.A.) é un tipo de tecnoloxía que permite combinar unha imaxe real cunha imaxe virtual a través dunha pantalla (teléfono móbil, ordenador, tablet...). Deuse a coñecer mundialmente a través do xogo Pokemon GO.

Os grandes Superheroes e Superheroínas son uns expertos nela, e agora tócache a ti. Tan só tes que seguir estes pasos:

1. Pide a un adulto un teléfono móbil.

2. Busca en Google Chrome o nome dun animal ("tigre", "lobo", "oso", "oso panda", "cabra", "gato", "pingüino", "tiburón", "erizo", "caballo", "pato", "pulpo", "águila", "perro", "tortuga"...).

3. Elixe a opción "Ver en 3D".

4. Preme en "Ver en tu espacio".

5. Apunta co móbil cara abaixo e móveo en círculos.

6. Axusta ao teu gusto o seu tamaño.

7. Sácalle unha foto.

 
Para conseguir o reto debes enviar a túa fotografía ao correo electrónico.

Ánimo futuro Superheroe/Superheroína!

Estes son os meus!






Captain America - Busy Captain America - Busy