sábado, 30 de maio de 2020

Soñando mares transparentes

Ao longo deste curso, traballamos no proxecto "Soñando mares transparentes". Para rematalo, e con motivo da celebración do día mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) e dos Océanos (8 de xuño), dende Bibliogaldo propóñennos unha actividade final. Queres saber cal é? Preme enriba da imaxe.

https://bibliotecagaldogmailcom.blogspot.com/2020/05/tarefa-final-do-proxecto-sonando-mares.html

xoves, 28 de maio de 2020

MISIÓN 7: "MULTIPLICATOR II"

As nosas sospeitas confirmáronse... O vilán "Multiplicator II" atácanos de novo. Axúdanos a derrotalo conseguindo o código que atoparás ao final do xogo.


*Para superar a misión, envía ao correo electrónico o código e unha foto do papel no que fixeche as contas.

mércores, 27 de maio de 2020

LÓVA TAREFA 5: O noso programa de radio



Adestramento lingüístico 4: Punto

Para que as nosas mensaxes teñan sentido e sexan ben interpretadas polo lector, debemos empregar correctamente os signos de puntuación. Un dos máis importantes é o punto. Sabes cando se utiliza? Consulta a seguinte presentación.



O noso truco para empregar correctamente o punto é dicir "STOP" no seu lugar. Se a oración lida e a seguinte teñen sentido, o punto está ben colocado. Por exemplo:
O pirata Solfamí contactou con nós para pedirnos axuda (STOP). El e os seus compañeiros descubriron onde está o tesouro, pero para chegar a el teñen que atravesar a charca habitada por uns famentos crocodilos (STOP). Só o conseguirán se lle botades unha man para descifrar as indicacións que deixou o pirata Punto en Boca (STOP).


MINI-RETO 10: Axuda aos nosos amigos os piratas a chegar á cova do tesouro descifrando as indicacións do pirata Punto en Boca.
https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1294742851/contido/sd02/sd02_oa01_01/index.html

*Para superar o reto, debes enviar unha foto da proba final completada.

martes, 26 de maio de 2020

Reto 10: Xogando coa ciencia

Experimentar é unha característica fundamental dun Superheroe ou Superheroína. Permítenos descubrir e coñecer verdades e feitos, desenvolver a creatividade, a paciencia e a resiliencia, fomenta a curiosidade, axuda a tomar decisións e, en definitiva, estimula a aprendizaxe.



RETO 10: Fai un experimento sinxelo e envía a foto ou fotos do mesmo por correo electrónico. No blogue de Bibliogaldo, na pestana Xogando coa ciencia, poderás atopar algúns exemplos.

luns, 25 de maio de 2020

LÓVA: Revisión da tarefa 4 "A miña profesión nas ondas"

A semana pasada explicastes en que consistían as vosas profesións e a súa importancia dentro da Compañía. Agora, debedes ler o libro da vosa (premendo enriba do nome da profesión correspondente) e completar a tarefa 4.

*Revisade varias veces o voso escrito, para manter ben lonxe ao vilán Ortografff. Despois, enviádeo por correo electrónico.

venres, 22 de maio de 2020

MISIÓN 6: "SENMUIÑEI"

Chegou o vilán "Senmuiñei" e fixo desaparecer un dos ritmos, xéneros e bailes máis representativos da música galega: a muiñeira. Esta naceu nos muíños (a quen lle debe o seu nome) onde se moía o trigo e o millo. Tocábase e bailábase para pasar o tempo mentres se esperaba a que os devanditos grans estivesen moídos. Dende aquela, converteuse nun medio de expresión corporal que nos permite desenvolver o noso corpo, a coordinación, a creatividade e a socialización, entre outras cousas.

Para derrotar a este vilán, debes demostrarlle que somos capaces de conservar a nosa tradición e patrimonio cultural. Para iso, debes inventar uns pasos cuns zapatos na man (ver vídeo) para acompañar a "Muiñeira de Chantada" (os que ti desexes, non teñen que ser pasos típicos deste baile nin os que saen neste vídeo).


Ten en conta que esta muiñeira ten 3 partes diferentes (ver musicograma) que se repiten, polo que debes inventar 3 pasos distintos (a introdución emprégase para colocarse, non é necesario inventar un paso).



*Para superar a misión, debes gravarte en vídeo e envialo por correo electrónico. Preme aquí para conseguir o audio da "Muiñeira de Chantada.


xoves, 21 de maio de 2020

Adestramento matemático 4: Multiplicación

Chegounos unha información moi importante... O vilán "Multiplicator I" mutou en "Multiplicator II". Tememos un novo ataque e para estar preparados é preciso que vos sigades adestrando nas multiplicacións.

https://www.mundoprimaria.com/juegos-educativos/juegos-matematicas/multiplicacion-llevadas-2

https://www.mundoprimaria.com/juegos-educativos/juegos-matematicas/mult-num-2-cifras

https://www.mundoprimaria.com/juegos-educativos/juegos-matematicas/mult-num-2-cifras-2

mércores, 20 de maio de 2020

RETO 9: A acidificación

Como xa sabedes, a acidificación dos océanos é un dos maiores problemas que ameaza a supervivencia dos corais

Gran parte do dióxido de carbono (CO2) emitido na atmosfera é xerado polas actividades humanas. Este gas é eliminado, en parte polas plantas mediante o proceso da fotosíntese e outra gran parte polos océanos, que o absorben para mitigar o exceso de calor e evitar así unha brusca elevación da temperatura do planeta.



Pero esta absorción ten consecuencias non desexadas, porque diminúe o PH da auga do mar, convertendo as augas en máis ácidas. Canta máis cantidade de CO2 haxa na atmosfera, máis cantidade absorberán as augas do mar. 

Esta acidificación dos océanos afecta ao crecemento e reprodución de organismos mariños, porque a acidez diminúe o carbonato cálcico da auga, que é indispensable para a formación dos esqueletos e cunchas.

A mestra Inés, no blogue Galdonatura, fixo este experimento para comprobar como afecta a acidificación da auga do mar nos organismos mariños.



Reto 9: Proba a facer o experimento na casa e despois reflexiona sobre o que podemos facer nós para mellorar esta situación. Que actividades humanas producen máis CO2? Que accións podemos levar a cabo no noso día a día para evitar tanta contaminación?

martes, 19 de maio de 2020

Adestramento lingüístico 3: Maiúsculas

As maiúsculas serven para distinguir e xerarquizar as palabras e para facilitar a comprensión ao lector, xa que chaman a súa atención avisando de que é unha palabra especial.

Parece que ultimamente as estamos esquecendo, o que fai que as persoas que len os nosos escritos perdan o interese no que lles contamos. É o momento de actuar! Le e aprende as catro regras que vos damos dende a Súper Escola.



MINI-RETO 9: Descifra a mensaxe que vos enviamos escribíndoa correctamente (tendo en conta as catro normas básicas que vos ensinamos) e envíaa por correo electrónico. 
*Antes de enviar o teu escrito, revisáo ben. Non te deixes vencer por "ORTOGRAFFF".

GRAN MISIÓN EXTRA: "ORTOGRAFFF"

A ortografía é a forma correcta de escribir as palabras dunha lingua segundo unhas regras determinadas. Para os Superheroes e Superheroínas é fundamental para que as nosas mensaxes sexan ben interpretadas e non dar lugar a confusións. 




Desgraciadamente, o vilán "ORTOGRAFFF" está dificultando e impedindo a nosa comunicación escrita, facéndovos cometer faltas de ortografía. Cada vez que escribides mal unha palabra, esta sofre e enferma tendo que ser ingresada no "Hospital Ortográfico". Se non actuamos a tempo, estas poderían desaparecer e nunca máis as poderiamos volver a utilizar.

No momento no que cometades unha falta grave de ortografía, a palabra será ingresada na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do hospital correspondente (galego ou castelán). Alí deberedes darlle uns coidados especiais, tratando de non volvela a escribir erroneamente. Se a seguides escribindo mal, permanecerá na UCI e vós perderedes puntos. Pola contra, se conseguimos escribila ben, pasará a planta ou darémoslle a alta.

Polo tanto, está na túa man conservar todas as palabras do noso vocabulario e non perder puntos. Aconsellámosche revisar a miúdo os "Hospitais Ortográficos" (clica enriba) tanto de galego como de castelán, seguir os "truquiños" que vos iremos ensinando e ler e reler os vosos escritos.

Ánimo!

*Como é unha GRAN MISIÓN EXTRA durará toda a vosa formación como Superheroes e Superheroínas. 

sábado, 16 de maio de 2020

LÓVA: Reflexións da tarefa 1

Estas son as vosas reflexións da tarefa 1. Non deixes de velas, son todas moi interesantes!

venres, 15 de maio de 2020

Adestramento musical 3: A música galega

A música é un medio de expresión e comunicación que se empregou ao longo da historia para expresar sentimentos, emocións, estados de ánimo e ideas.

Todas as culturas, países e/ou rexións, dende as primeiras civilizacións ata as máis actuais, crearon e crean música cunhas características propias que a identifican e a diferencia das demais. Grazas á lingua, ao ritmo, á melodía e aos instrumentos empregados poderiamos distinguir unha canción africana dunha chinesa.

Agora é o momento de profundizar na nosa música, na música galega. Para iso, mira esta presentación!


MINI-RETO 8: Demostra que eres un experto en música galega con este xogo! Para superar o mini-reto debes enviar o código por correo electrónico.

xoves, 14 de maio de 2020

MISIÓN 5: "RICARCA"

O vilán "RICARCA" extraviou os libros escritos por Ricardo Carvalho Calero e, como consecuencia disto, esqueceuse a vida e obra deste autor.
Recorremos a vós, porque sabemos que estades moi ben adestrados na festividade das Letras Galegas e no homenaxeado deste ano.
Serás quen de conseguir o código que abre a maleta na que están agochados os devanditos libros?


*Para superar a misión, debes enviar o código por correo electrónico e explicar o seu significado na vida deste autor.

mércores, 13 de maio de 2020

Curiosidade: Día das Letras Galegas

Dende o 17 de maio de 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro, festéxase o Día das Letras Galegas. Conmemórase para exaltar a lingua de Galicia (o galego) a través da súa manifestación literaria.

Cada ano homenaxéase a un autor diferente para recoñecer e valorar o seu traballo pola nosa lingua. Este ano adícase a Ricardo Carvalho Calero.

Sónache o seu nome? Que sabes da súa vida? E da súa obra?

No blogue de Bibliogaldo atoparás moitos recursos para adestrarte moi ben nesta festividade e no seu homenaxeado, o que te preparará para futuras misións. Estes son algúns exemplos:

http://seminariogalan.org/inicio/ver/467





http://seminariogalan.org/inicio/ver/469


martes, 12 de maio de 2020

sábado, 9 de maio de 2020

ANIVERSARIO: SARA P

Como xa sabedes, hoxe unha das futuras superheroínas da Súper Escola cumpre un ano máis.

Parabéns Sara!

Disfruta do teu día e celébrao como se merece! Agardamos que che pasaran os nervios polo teu aniversario...

Queda pendente o noso festexo no cole!

Mentres, adicámosche esta canción! Sube o volume e dálle ao "Play".


venres, 8 de maio de 2020

Reto 8: Con ritmo!

Chegou o momento de poñer en práctica os teus coñecementos rítmicos!
Para iso, busca ou pinta catro folios (un vermello, un amarelo, un verde e un azul) e colócaos nesa orde (de esquerda a dereita) enriba dunha mesa, e diante deles coloca o ordenador, o móbil ou a tablet na que vas ver o vídeo.
A continuación, deberás imitar os patróns rítmicos que se fan no mesmo no tempo que queda libre e seguindo o ritmo da melodía e o código de cores.


Mira este exemplo!


Que o ritmo non pare!

*Para superar o reto, debes gravarte nun vídeo facéndoo e envialo por correo electrónico.

xoves, 7 de maio de 2020

VIDEOCONFERENCIA

Levamos moito tempo sen vernos e imos intentalo mediante unha videochamada. Para que esta sexa un éxito, debedes ler moi ben e seguir estes consellos:
  • Respecta o turno de palabra. Se isto é moi importante en calquera conversa, nunha videochamada moito máis. Se dúas persoas falan a un tempo, o audio non funciona ben e é imposible escoitar algo.
  • Se queres falar, levanta a man. As mestras, que actuaremos como moderadoras, iremos dando a quenda de palabra.
  • Sé puntual. Conéctate uns minutos antes por se tes dificultades. Deste xeito, terás tempo para resolvelas. Se tes algún problema para conectarte, envíame un correo electrónico.
  • Escolle un lugar libre de ruídos e onde non haxa outras persoas (evita música de fondo, ventás abertas...).
  • Ten en conta a iluminación, xa que é importante para que se nos vexa ben, e o fondo (canto menos recargado mellor).
  • Acode á cita aseado e ben vestido. Igual que te arreglas para ir ao cole, terás que facelo para unha videochamada.
  • Ten preto lapis, goma e un papel onde anotar.
QUE IMOS FACER?
Comezaremos falando de un en un de aquilo que nos apeteza compartir cos compañeiros e compañeiras, contando como nos sentimos e aquelas cousas que nos gusta facer durante o confinamento.
Despois, comentaremos o traballo que estamos facendo no blogue, das dificultades que atopamos, do que temos que mellorar, das actividades que vos gustaría que aparecesen...
E por último, intentaremos facer algunha dinámica ou xogo.

Non vos esquezades de ver o videotitorial de acceso para estar preparados chegado o momento.


* Os datos da videoconferencia foron enviados por Abalar.

mércores, 6 de maio de 2020

Reto 7: A vitamina D

Para estar sans e fortes, o noso corpo necesita nutrientes que normalmente adquirimos dos alimentos, grazas ao aparello dixestivo. As proteínas, os hidratos de carbono, as graxas, as vitaminas e os sales minerais son nutrientes que o noso corpo necesita diariamente para funcionar.


Sabes que son as vitaminas? Para que serven? Mira este vídeo!

Hai moitos tipos, pero ultimamente e debido ao confinamento, fálase moito da vitamina D. Por que será? É tan importante?

RETO 7: Busca información e elabora un pequeno texto sobre a importancia desta vitamina, como a podemos conseguir e que lle ocorre ao noso corpo se temos unha deficiencia da mesma.

*Sede curiosos, vaivos ler moita xente e teñen que entender a letra. Sempre podedes acompañar o texto cun debuxo para que quede máis vistoso. Pedide axuda aos vosos pais para que o revisen con vós, fixándovos en non cometer erros ortográficos.

martes, 5 de maio de 2020

LÓVA TAREFA 2: O camiño andado

Esta é a Tarefa 2. Recordade os prazos para entregala.

ANIVERSARIO: LARA

Hoxe temos de aniversario a unha membra da Súper Escola, que cumpre nada máis e nada menos que 10 anos.

Celébraos como se merece coa túa familia, xa que pronto o faremos todos xuntos.

Parabéns Lara!

Para que non nos botes tanto en falta, escoita a nosa canción e baila como Spiderman!



Non te esquezas de soprar as candeas e pedir un desexo...



Captain America - Busy Captain America - Busy