Amosando publicacións coa etiqueta Música. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Música. Amosar todas as publicacións

venres, 22 de maio de 2020

MISIÓN 6: "SENMUIÑEI"

Chegou o vilán "Senmuiñei" e fixo desaparecer un dos ritmos, xéneros e bailes máis representativos da música galega: a muiñeira. Esta naceu nos muíños (a quen lle debe o seu nome) onde se moía o trigo e o millo. Tocábase e bailábase para pasar o tempo mentres se esperaba a que os devanditos grans estivesen moídos. Dende aquela, converteuse nun medio de expresión corporal que nos permite desenvolver o noso corpo, a coordinación, a creatividade e a socialización, entre outras cousas.

Para derrotar a este vilán, debes demostrarlle que somos capaces de conservar a nosa tradición e patrimonio cultural. Para iso, debes inventar uns pasos cuns zapatos na man (ver vídeo) para acompañar a "Muiñeira de Chantada" (os que ti desexes, non teñen que ser pasos típicos deste baile nin os que saen neste vídeo).


Ten en conta que esta muiñeira ten 3 partes diferentes (ver musicograma) que se repiten, polo que debes inventar 3 pasos distintos (a introdución emprégase para colocarse, non é necesario inventar un paso).



*Para superar a misión, debes gravarte en vídeo e envialo por correo electrónico. Preme aquí para conseguir o audio da "Muiñeira de Chantada.


venres, 15 de maio de 2020

Adestramento musical 3: A música galega

A música é un medio de expresión e comunicación que se empregou ao longo da historia para expresar sentimentos, emocións, estados de ánimo e ideas.

Todas as culturas, países e/ou rexións, dende as primeiras civilizacións ata as máis actuais, crearon e crean música cunhas características propias que a identifican e a diferencia das demais. Grazas á lingua, ao ritmo, á melodía e aos instrumentos empregados poderiamos distinguir unha canción africana dunha chinesa.

Agora é o momento de profundizar na nosa música, na música galega. Para iso, mira esta presentación!


MINI-RETO 8: Demostra que eres un experto en música galega con este xogo! Para superar o mini-reto debes enviar o código por correo electrónico.

venres, 8 de maio de 2020

Reto 8: Con ritmo!

Chegou o momento de poñer en práctica os teus coñecementos rítmicos!
Para iso, busca ou pinta catro folios (un vermello, un amarelo, un verde e un azul) e colócaos nesa orde (de esquerda a dereita) enriba dunha mesa, e diante deles coloca o ordenador, o móbil ou a tablet na que vas ver o vídeo.
A continuación, deberás imitar os patróns rítmicos que se fan no mesmo no tempo que queda libre e seguindo o ritmo da melodía e o código de cores.


Mira este exemplo!


Que o ritmo non pare!

*Para superar o reto, debes gravarte nun vídeo facéndoo e envialo por correo electrónico.

xoves, 30 de abril de 2020

Curiosidade: Día Internacional do Jazz

O 30 de abril é o Día Internacional do Jazz. Celébrase este día para concienciar sobre a súa importancia como ferramenta educativa e de promoción da paz, o diálogo e a cooperación entre pobos de todo o mundo.

Oiras falar del? Sabes o que é? Mira esta presentación!



MINI-RETO 7: Pon a proba os teus coñecementos de Jazz con este xogo de Boom! Para superar o mini-reto é preciso conseguir o código e envialo por correo electrónico.

mércores, 29 de abril de 2020

MISIÓN 4: "DANZAMUN"

Cada 29 de abril celébrase o Día Internacional da Danza, data que coincide co nacemento do bailarín francés e profesor de ballet Jean Georges Noverre, considerado o creador do ballet moderno.

Dedicándolle este día preténdese conseguir a atención do público sobre a arte e cultura da danza, reunindo a todos aqueles que elexiron esta disciplina como medio de expresión para a súa vida, traspasando as barreiras culturais, políticas ou étnicas.

Este ano non o podemos festexar como se merece debido a que o vilán "Danzamun" fixo desaparecer as danzas tradicionais do mundo. Arrebatounos un medio de expresión e comunicación que nos axudaba a mellorar a relación cos demais, aliviar o estrés, fortalecer o noso corpo e desenvolver a memoria, entre outras cousas.

Chegou o momento de actuar! O mundo necesítavos! Debedes enfrontarvos e derrotar a este malvado vilán! Para conseguilo, tedes que buscar unha danza e enviar por correo electrónico o seu nome, o país de onde é típica e un enlace a un vídeo da mesma (YouTube).

*Lembrade mirar as que aportan os vosos compañeiros e compañeiras! Trátase de rescatar e recuperar o maior número de danzas posible.

Estas son as nosas!

venres, 24 de abril de 2020

Reto 6: Obradoiro de instrumentos

Tocar un instrumento axúdanos a desenvolver a memoria, atención e concentración, a estimular a nosa imaxinación e creatividade e permítenos mellorar o noso estado de ánimo, cousas fundamentais para ser un gran Superheroe ou Superheroína.

Por iso vos propoñemos o seguinte reto: CONSTRUÍR UNHA FRAUTA CUNHA PALLIÑA, xa que sabemos que é posible que non teñades ningún instrumento na casa. Tan só tedes que coller unha palliña e unha tesoira e seguir os pasos que vos indica Abraham Cupeiro.


Para superar o reto, debedes enviar ao correo electrónico unha foto do instrumento construído e un audio no que se vos escoite tocándoo.

Avanti!

xoves, 16 de abril de 2020

Curiosidade: Día Mundial da voz

Hoxe, 16 de abril, celébrase o Día Mundial da voz co obxectivo de crear conciencia da súa importancia, así como os coidados que se deben ter para evitar problemas relacionados coas cordas vogais.

Sabes como se produce a voz no noso corpo? Mira este vídeo!


Grazas á voz, podemos diferenciarnos das demais persoas, xa que non existen dúas voces iguais. Isto é debido ás cordas vogais, aos resonadores e ao aparello fonador.
Sen embargo, as voces poden clasificarse tendo en conta diferentes aspectos como nos ensinan "Os incribles".

A voz permítenos comunicarnos e expresarnos ao falar e ao cantar. É por iso, polo que debemos coidala tendo en conta os seguintes consellos:
  • Beber auga do tempo con frecuencia.
  • Non berrar.
  • Non carraspexar.
  • Evitar o fume e o po.
  • Durmir o suficiente.
  • No caso de ter algún problema coa voz, acudir a un especialista: otorrinolaringólogo, foniatra e/ou logopeda.

MINI-RETO 1: Escribe nos comentarios o nome dun cantante (que non apareza na presentación) e en que tipo de voz o incluirías.

martes, 14 de abril de 2020

Contiuamos a formación na Súper Escola

Despois de descansar e desconectar uns días, toca seguir coa formación para convertervos nuns grandes superherores e superheroínas.

Para facelo con forza e con moitas ganas, déixovos un vídeo que fixemos os mestres e o persoal do centro con moito cariño para vós. Se nalgún momento vos sentides tristes ou aburridos, subide o volume e dádelle ao "Play", e non esquezades que sempre RESISTIREMOS!

xoves, 2 de abril de 2020

Adestramento musical 2: Ritmo

Para profundizar o teu adestramento no RITMO, déixoche uns vídeos que podes imitar xunto á túa familia. Colle un caldeiro e as túas baquetas (lapis/bolis) e a... TOCAR!



venres, 27 de marzo de 2020

Adestramento musical 1: Ritmo

A música é unha das 7 belas artes (xunto á arquitectura, escultura, pintura, literatura, danza e cine) e ten moitos beneficios para a nosa saúde. Axúdanos a relaxarnos, divertirnos, mellorar o noso estado de ánimo, desenvolver a memoria...

Ademais, hai unha expresión que di que "A música amansa as feras". Escoitáchela algunha vez? Ten a súa orixe na lenda de Orfeo, un poeta e músico grego que calmaba as feras máis salvaxes cantando e tocando a súa lira.

Por todo isto, é importante adestrarse en determinados aspectos musicais para ser un bo Superheroe ou Superheroína. Comezaremos por recordar e practicar un dos elementos máis importantes: o RITMO. Recordas o que é?

Poderíase definir como a organización dos sons no tempo. En música, represéntase a través das figuras e os seus silencios



Comeza o teu adestramento premendo enriba das imaxes. Ánimo!

https://www.youtube.com/watch?v=bZUrUFTyjsc
 
https://aprendomusica.com/const2/09negraysilencio/negraysilencio.html

https://aprendomusica.com/const2/04dictadoRitmico/04dictadoritmico.html
https://aprendomusica.com/const2/30dictadoritmico1/dictadoritmico1.html


xoves, 26 de marzo de 2020

MISIÓN 1: "AVATARÍZATE"

O dicionario da RAG (Real Academia Galega) define avatar como "identidade dixital que adopta un usuario dun servizo de Internet, como unha charla, xogo en rede ou foro".

Este é o meu!
https://superherotar.framiq.com/es/construir/
 
Clica enriba del e crea o teu. Despois, ponlle nome e asígnalle 2 superpoderes.

Para completar a túa primeira misión debes envialo ao correo electrónico que vos mandou a vosa mestra. 

Adiante futuro Superheroe/Superheroína!

mércores, 25 de marzo de 2020

Carta de Súper Música

 


Gotham, 24 de marzo de 2020 

Queridos nenos e nenas do colexio Santa Rita de Galdo:
Son Super Música e vólvome a poñer en contacto con vós porque preciso a vosa axuda.
Como xa saberedes, chegou o vilán COVID-19, un virus moi contaxioso que apareceu en Wuhan (China) e que paraliza todo país ao que viaxa, obrigando aos seus habitantes a quedar na casa para evitar máis contaxios.
Todos os membros da Superescola, coa axuda doutros superheroes e superheroínas sen capa (enfermeirxs, celodores, médicxs, traballadores de supermercados e farmacias, agricultores, gandeirxs, policías...) estamos loitando contra el, pero non somos capaces de derrotalo. Chegou o momento de que nos axudedes.
Para iso, deberedes ingresar na Súper Escola e superar os diferentes retos e misións que vaian xurdindo.
A recompensa das vosas fazañas será acadar o magnífico e inigualable título de Superheroe ou Superheroína, xunto co seu carné e o seu recoñecemento a nivel mundial.
Agardamos que aproveitedes moi ben esta gran oportunidade, pois é única e irrepetible. Confiamos en todos vós! Con ilusión, compromiso, valentía, perseveranza, traballo e educación podedes chegar a ser uns grandes Superheroes e Superheroínas, e xuntos poderemos vencer aos viláns que queren erradicar a humanidade.
Estade moi atentos aos retos e misións que vos irei enviando.
Ata pronto!
Atentamente
Directora da Súper Escola
Captain America - Busy Captain America - Busy