luns, 20 de abril de 2020

Adestramento lingüístico 2: Sinónimos e antónimos

Os Superheroes e Superheroínas temos uns "trucos" para expresarnos mellor e enriquecer o noso vocabulario: os SINÓNIMOS e os ANTÓNIMOS. 

Os SINÓNIMOS son palabras diferentes que teñen os mesmo significado. Úsanse para non repetir a mesma palabra varias veces. Por exemplo: colexio-escola, encerro-confinamento.


Os ANTÓNIMOS son palabras diferentes que significan o contrario. Ás veces fórmanse cos prefixos des-, i-, in-, im- e anti-. Por exemplo: lento-rápido, liberdade-catividade, legal-ilegal.

Comeza o teu adestramento en 3,2,1...
http://www.ceipjuanherreraalcausa.es/Recursosdidacticos/ANAYA%20DIGITAL/CUARTO/Lengua/vocabulario_p34_nn/
Sinónimos I
https://www.mundoprimaria.com/quedate-casa/stpv-le-3-03?rnd=0.5804050335478884
Sinónimos II
https://www.mundoprimaria.com/quedate-casa/stpv-le-3-04?rnd=0.9332802515176973
Antónimos I
https://www.mundoprimaria.com/quedate-casa/stpv-le-6-05
Antónimos II
MINI-RETO 3: Escribe en comentarios un exemplo de cada un.

venres, 17 de abril de 2020

Adestramento matemático 2: O reloxo

A puntualidade é unha das principais características dos grandes Superheroes e Superheroínas xa que nos permite chegar aos lugares á hora acordada previamente. Con ela demostras educación, respecto, responsabilidade e interés, aínda que todo depende do país no que esteamos.


Para chegar puntuais ás nosas citas, adoitamos empregar o RELOXO. Recordas como se sabía que hora era?

Se desexas converterte nun gran Superheroe/Superheroína adéstrate moi ben con estes xogos.
https://juegosinfantiles.bosquedefantasias.com/horas-reloj

MINI-RETO 2: Escribe nos comentarios a importancia da puntualidade nun país determinado.

xoves, 16 de abril de 2020

Curiosidade: Día Mundial da voz

Hoxe, 16 de abril, celébrase o Día Mundial da voz co obxectivo de crear conciencia da súa importancia, así como os coidados que se deben ter para evitar problemas relacionados coas cordas vogais.

Sabes como se produce a voz no noso corpo? Mira este vídeo!


Grazas á voz, podemos diferenciarnos das demais persoas, xa que non existen dúas voces iguais. Isto é debido ás cordas vogais, aos resonadores e ao aparello fonador.
Sen embargo, as voces poden clasificarse tendo en conta diferentes aspectos como nos ensinan "Os incribles".

A voz permítenos comunicarnos e expresarnos ao falar e ao cantar. É por iso, polo que debemos coidala tendo en conta os seguintes consellos:
  • Beber auga do tempo con frecuencia.
  • Non berrar.
  • Non carraspexar.
  • Evitar o fume e o po.
  • Durmir o suficiente.
  • No caso de ter algún problema coa voz, acudir a un especialista: otorrinolaringólogo, foniatra e/ou logopeda.

MINI-RETO 1: Escribe nos comentarios o nome dun cantante (que non apareza na presentación) e en que tipo de voz o incluirías.

RETO 5: #Retoportadasdelibros

Dende Bibliogaldo, a biblioteca do colexio, propóñennos o seguinte reto:

RECREAR AS PORTADAS DOS LIBROS QUE MÁIS NOS GUSTEN E SACAR UNHA FOTO.

Vós teredes que ser os protagonistas (animal ou persoa) deses contos buscando a vestimenta máis parecida posible.

Despois, debedes de enviar a foto da portada do libro e a vosa imitación ao correo electrónico.

ANIVERSARIO: ANDRÉS e GABRIELA

Recordades que día é hoxe?

É o 16 de abril de 2020 e iso significa que dous membros da Súper Escola cumpren un ano máis. Agardamos que celebredes coa vosa familia este aniversario tan especial.

Queda pendente o festexo dos 10 anos no cole!

Parabéns Andrés e Gabriela!

Dende a distancia cantámosvos esta canción:



mércores, 15 de abril de 2020

MISIÓN 3: "MULTIPLICATOR I"

Chegou o momento de derrotar ao vilán MULTIPLICATOR I. O seu obxectivo é ralentizar o noso cálculo mental e, como consecuencia disto, danar a nosa memoria e axilidade mental.

Se desexas a este vilán destruír, 
o código deberás conseguir.



Para completar a MISIÓN 3 debes enviar o código por correo electrónico.

martes, 14 de abril de 2020

RETO 4: Os corais

Canto aprendemos este ano sobre os corais!!! 

 
Sabemos que os corais son animais, que non son plantas, aínda que hai moita xente que o pensa. E sabemos que... ESPERADE! Vouvos poñer a proba para comprobar o que recordades de todo o que aprendemos.

A continuación, déixovos unhas preguntiñas. Se olvidastes algúns datos, podédelos buscar outra vez. Na parte dereita do blogue tedes o enlace para poder acceder á Wikipedia.
Se queredes, podedes poñer as vosas respostas nos comentarios!

1. Que tipo de animais son os corais? .
2. Como se chama a parte viva do coral?
3. De que se alimentan os corais?
4. Como cazan as súas presas?
5. Que dous tipos de reprodución poden ter?
6. Os corais son de moitas cores porque dentro dos seus tecidos viven unhas algas microscópicas. Que nome reciben estas algas?
7. En que tipo de augas viven a gran maioría dos corais?
8. Cantas especies coñecidas hai de corais?
9. Os corais forman arrecifes. Por que son tan importantes?
10. Cal é o arrecife máis grande do mundo?
11. De que están formados os arrecifes?
12. Os arrecifes de coral son grandes ecosistemas onde viven moitos animais, podes nomear algún?
13. Os arrecifes están en perigo debido ao cambio climático. Que lles ocorre aos corais se cambia a temperatura da auga do mar?
14. Tamén a ACIDIFICACIÓN dos océanos inflúe para a desaparición dos corais. En que consiste a acidificación?

Primeiro, anotade toda a información nunha folla. Cando xa teñades todos os datos, facedes un texto con todo o que sabedes acompañándoo cun debuxo. 

Esta actividade pode levarvos varios días. Tomádeo con calma, non teñades présa por rematar. O importante é que o texto que escribades sexa claro para que as persoas que o lean o poidan entender. 
Cando xa o teñades listo podedes envialo ao correo electrónico para poder subilo ao blogue no que o poderán ver os vosos compañeirxs.

*Lembrade facer oracións con sentido, cada idea nunha oración. E non esquezades de poñer os puntos, as maiúsculas e os acentos gráficos.

Captain America - Busy Captain America - Busy