martes, 9 de xuño de 2020

Adestramento matemático 6: División II

Seguimos adestrándonos na división para estar preparados ante un posible ataque do malvado e temido vilán Divisi. Imos recordar e identificar os seus termos (dividendo, divisor, cociente e resto) co seguinte vídeo, onde nolo explica a mestra Inés.


Mini-reto 12: Descobre os termos da división nos exemplos que aparecen no vídeo (do A ao L). Despois, envíao por correo electrónico. 

Reto 16:  Fai a túa hipótese sobre por que están mal os repartos que aparecen no final do vídeo.

venres, 5 de xuño de 2020

Reto 15: Coida o medio ambiente!

Hoxe, día Mundial do Medio Ambiente, ímolo festexar lembrando o rap "Coida o medio ambiente!" que interpretastes o ano pasado no festival de fin de curso. Recórdadelo?


Agora queremos que escollades un fragmento (retrouso, unha estrofa, unha estrofa e retrouso...) e lle poñades a base musical. Para iso, podedes empregar e reutilizar (poñendo en práctica unha das 3R) cousas que teñades na casa, dende un instrumento ata unhas culleres ou un papel. Tan só tedes que deixar voar a vosa imaxinación!

Despois, gravádevos en vídeo ou en audio e enviádeo por correo electrónico.

xoves, 4 de xuño de 2020

Reto 14: Cazapalabras

Cando falamos ou escribimos empregamos oracións, que son un conxunto de palabras ordenadas que teñen sentido e significado. Estas están formadas por diferentes tipos de palabras con distintas xerarquías, que podedes ver a continuación. 


Nos derradeiros días, achegouse o vilán Morfo e comezou a roubarnos tres tipos de palabras (verbos, substantivos e adxectivos), o que fai que as nosas mensaxes e escritos perdan o sentido e non se entendan. Recorremos a vós para que nos axudedes a recuperalas a través de "Cazapalabras", seguindo estes pasos:
- Debuxar tres columnas nun folio asignándolle a cada unha un tipo de palabra (caza verbos, caza substantivos e caza adxectivos).

- Buscar verbos, substantivos e adxectivos entre as páxinas de xornais, revistas, folletos publicitarios...
- Recortalos e pegalos na columna correspondente, coma no seguinte exemplo.


*Para superar o reto debedes incluír como mínimo 3 exemplos en cada columna.

mércores, 3 de xuño de 2020

Reto 13: O reino das plantas

Nesta semana dedicada ao coidado e respecto polo medio ambiente, vamos repasar un dos seus elementos: a flora, ou máis coñecida como as plantas.

Lembras o que son? As plantas son seres vivos que producen o seu propio alimento. Son moi importantes para o coidado do medio ambiente, xa que ademais de xerar osíxeno e servir como alimento, regulan a temperatura, fertilizan o solo, serven como filtro para a contaminación ambiental e delas obtemos materias primas. 

Para coñecelas un pouco mellor, mirade estes vídeos.

Reto 13: Colle papel e lapis/boli e responde ás seguintes cuestións:
- Como se clasifican as plantas? Cales son as principais características de cada tipo?
- Debuxa unha planta. Despois, indica as súas partes e a función que ten cada unha.
- Debuxa unha folla e sinala as súas partes.
- Explica coas túas palabras o proceso da fotosíntese. 
- Reflexiona sobre a importancia da fotosíntese.
*Lede varias veces o voso escrito, fixándovos na ortografía para non atraer ao vilán Ortografff.
 

martes, 2 de xuño de 2020

Adestramento matemático 5: División I

Cada vez que nos regalan ou conseguimos chuches, bombóns, froitas, canicas, cromos, pegatinas... intentamos repartilas en partes iguais con todos os membros da Súper Escola, poñendo en práctica a división.

Estes días, o vilán Divisi anda preto e empezamos a ter problemas para repartir de forma equitativa. É o momento de que nos botedes unha man... Prestade moita atención a este vídeo que fixo a mestra Inés.



Mini-reto 11: Identifica que exemplos (do A ao L) dos que aparecen no vídeo son divisións. Despois, indica se son exactas (non sobra nada) ou inexactas (sobra algún elemento).

Reto 12: Debuxa ou saca unha foto aos teus repartos. Un deberá ser exacto e outro inexacto.

*Para superalos e conseguir as insignias, deberás envialos por correo electrónico.

luns, 1 de xuño de 2020

Curiosidade: Día Mundial do Medio Ambiente

Cada 5 xuño celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente, co obxectivo de sensibilizar á poboación mundial cos temas ambientais. 


En todo momento e calquera día do ano, os Superheores e Superheroínas pensamos e actuamos tendo en conta o coidado e respecto cara o medio ambiente, porque é o noso fogar e porque del obtemos todo o necesario para vivir (osíxeno, auga, alimentos, materias primas...).

Para que nos axudedes no seu coidado, propoñémosvos os seguintes 5 eco-retos, un por cada día que falta para o Día Mundial do Medio Ambiente. Anímaste a facelos? 
*Para superar o reto 11 debes enviar ao correo electrónico as túas fotos poñendo en práctica os 5 eco-retos (unha foto por cada eco-reto).
Captain America - Busy Captain America - Busy