Levamos moito tempo sen vernos e imos intentalo mediante unha videochamada. Para que esta sexa un éxito, debedes ler moi ben e seguir estes consellos:
- Respecta o turno de palabra. Se isto é moi importante en calquera conversa, nunha videochamada moito máis. Se dúas persoas falan a un tempo, o audio non funciona ben e é imposible escoitar algo.
- Se queres falar, levanta a man. As mestras, que actuaremos como moderadoras, iremos dando a quenda de palabra.
- Sé puntual. Conéctate uns minutos antes por se tes dificultades. Deste xeito, terás tempo para resolvelas. Se tes algún problema para conectarte, envíame un correo electrónico.
- Escolle un lugar libre de ruídos e onde non haxa outras persoas (evita música de fondo, ventás abertas...).
- Ten en conta a iluminación, xa que é importante para que se nos vexa ben, e o fondo (canto menos recargado mellor).
- Acode á cita aseado e ben vestido. Igual que te arreglas para ir ao cole, terás que facelo para unha videochamada.
- Ten preto lapis, goma e un papel onde anotar.
QUE IMOS FACER?
Comezaremos falando de un en un de aquilo que nos apeteza compartir cos compañeiros e compañeiras, contando como nos sentimos e aquelas cousas que nos gusta facer durante o confinamento.
Despois, comentaremos o traballo que estamos facendo no blogue, das dificultades que atopamos, do que temos que mellorar, das actividades que vos gustaría que aparecesen...
E por último, intentaremos facer algunha dinámica ou xogo.
Non vos esquezades de ver o videotitorial de acceso para estar preparados chegado o momento.
* Os datos da videoconferencia foron enviados por Abalar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.